Un congreso sobre lusofonía congregará a máis de 100 participantes no campus
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
Os días 27 e 28 de marzo de 2019, expertos internacionais acudirán ao campus de Pontevedra para participar no III Congreso Internacional de Estudos Internacionais que organizan o Observatorio da Gobernanza G3 e o Instituto de Análise e Documentación Internacional (IGADI). Neste caso vai centrarse sobre a lusofonía e está previsto que se desenvolva na Facultade de Ciencias Sociais.
Este martes, o alcalde de Pontevedra Miguel Anxo Fernández Lores e o concelleiro Alberto Oubiña recibían ao profesor de Ciencias Sociais, Álvaro López Mira e Daniel González, director do IGADI, organizadores do congreso, para coñecer detalles sobre este evento.
O programa aínda non se atopa pechado. Durante as xornadas vai activarse unha mesa institucional, outra económica, unha socio-cultural e, por último, unha xeoestratéxica, coa idea de poñer en valor a Lei Valentín Paz Andrade, a normativa autonómica para aproveitar a lingua portuguesa e os vínculos coa lusofonía. "A idea é coñecer o que está a facer a CLIP (Comunidade de Países con Lingua Portuguesa) a nivel internacional", indicaba Daniel González.
Neste terceiro congreso, espéranse máis de 70 asistentes e ao redor de 30 relatores de alcance internacional. Ademais, emitirase en streaming, a través da plataforma da Universidade de Vigo, para despois manter as intervencións subidas na rede. Sinalaba Álvaro López Mira que anteriores conferencias contan con máis de 1.500 visitas desde diferentes localizacións internacionais.
Este congreso englóbase dentro das actividades do Campus Crea da Universidade de Vigo.