José Sanmartín, primeiro tenente de alcalde en Barro, repite como candidato socialista ás municipais
Por Redacción
José Sanmartín repetirá como cabeza de lista en Barro nas próximas eleccións municipais. Así o decidían os asistentes á asemblea extraordinaria celebrada este luns no Centro Cívico Castor Castro da vila.
O actual primeiro tenente da alcaldía de Barro interveu neste acto destacando o traballo realizado polo grupo municipal socialista dentro do goberno municipal durante o últimos catro anos. O secretario xeral da agrupación afirmou que se cumpriron case todos os compromisos que se adquiriron no programa electoral.
Como exemplos da súa xestión destacou a xestión municipal do mercado ambulante, cuns ingresos de ao redor de 60.000 euros anuais, que se reinvisten en melloras para a veciñanza.
Tamén remarcou a importancia dos fondos que a Deputación Provincial achega a través do Plan Concellos para acometer obras en saneamento, melloras de viarias, de iluminación e a execución de novas instalacións como a piscina municipal, que segundo afirmou estará finalizada nos próximos meses.
José Sanmartín suma xa sete anos á fronte da agrupación socialista e móstrase satisfeito polo aumento de militantes e de apoio electoral. O seu obxectivo é, para a próxima cita coas urnas, encabezar o goberno municipal e mellorar Barro desde unha perspectiva máis social.