Xornada de portas abertas na Escola Naval para visitar o buque 'Audaz' da Armada
Por Redacción
Con motivo da escala do Buque de Acción Marítima (BAM) "Audaz" en Marín o vindeiro domingo día 11 de novembro terá lugar unha xornada de portas abertas para poder visitalo.
Trátase da embarcación máis moderna da Armada, xa que a súa entrega produciuse o pasado 27 de xullo tras ser construído por Navantia.
A Audaz conta con 93,90 metros de eslora, cuberta de voo e un hangar para un helicóptero, e dispón dun Sistema de Combate "SCOMBA", segundo destaca o Ministerio de Defensa.
A misións para as que se concibe o Buque de Acción Marítima son, por unha banda, de seguridade marítima en escenarios de baixa intensidade, con capacidade de disuasión e reacción ante ameazas asimétricas ou convencionais, e por outro, de protección dos intereses marítimos nacionais, colaborando coas forzas e corpos de seguridade do estado e outros departamentos ministeriais, en misións de vixilancia, salvamento, axuda humanitaria, loita contra o tráfico ilegal ou loita contra a contaminación mariña, sinalan desde a Escola Naval.
Este barco fai escala en Marín para realizar medicións no Centro de Medidas Electromagnéticas (CEMEDEM). Atracado no peirao de Torpedos na Escola, estará dispoñible para visitas en horario de 10:30 a 13:30 horas e de 15:30 a 17:30 horas.