Retiran as denuncias contra o Polígono de Barro-Meis ao conseguir os veciños que ENCE non se instale alí
Por Oskar Viéitez
A Deputación de Pontevedra asinou un acordo cos veciños e comunidades de montes polo cal estes renuncian ao proceso xudicial iniciado contra o polígono de Barro-Meis tralo compromiso da institución provincial a que ENCE nunca se instale alí.
Rubrican este Protocolo de Actuacións, por unha banda, a Deputación e o Concello de Barro, e por outra, as comunidades de montes de Curro, Agudelo e A Portela, xunto aos 95 veciños que no seu día recorreron ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) o Plan de Sectorización do Polígono industrial de Barro-Meis.
Os veciños renuncian a persoarse no recurso de casación que o Concello de Barro interpuxo ante o Supremo, ao entender que a sentenza emitida no seu día polo TSXG era contraria a dereito. Así mesmo os demandantes renuncian tamén a esixir o cumprimento da mencionada sentenza.
No seu día, estes 95 veciños recorreron a aprobación do Plan de Sectorización de Barro-Meis ante o TSXG, que o anulou.
Segundo destacou o presidente da Deputación, Rafael Louzán, a sinatura do acordo outorga "plena seguridade xurídica" ao polígono de Barro-Meis, de tal xeito que "as empresas que eran reticentes poden xa instalarse con todas as garantías legais".
A cambio da renuncia vecinal as institucións garanten que a implantación de empresas no polígono industrial de Barro-Meis será "respectuosa co medio ambiente e coa economía sostible", segundo o compromiso da institución provincial.
En concreto, o alcalde de Barro, José Antonio Landín Eirín explicou que a denuncia dos veciños nace a raíz dunhas declaracións do conselleiro de Industria durante o anterior goberno da Xunta, Fernando Blanco, "cando ocorréuselle dicir que o mellor emprazamento para ENCE sería Barro-Meis".
"Algúns, o noventa por cento, non tiñan nin puta idea do que asinaron e con ese poder fíxose o que se quixo", di o alcalde de Barro.
Segundo Landín Eirín "os mesmos que che poñen a verruga, mándanche ao santo" e desde o Bloque Nacionalista Galego, coa "escusa" da implantación de ENCE mobilizaron aos veciños en contra deste proxecto. "Algúns, o noventa por cento, non tiñan nin puta idea do que asinaron e con ese poder fíxose o que se quixo", afirmou o alcalde de Barro, "cando o único que querían é que non fose Celulosas".
De tal xeito que no acordo asinado hoxe faise constar expresamente que non se radicarán nel "actividades industriais de potencial perigosidade ou de afectación ao medio ambiente".
Para acoutar máis a restricción que demandaban os veciños detállase que non haberá industrias contaminantes pois se impedirá o establecemento de "empresas que estean sometidas á Declaración de Impacto Ambiental, como fabricación de pasta de papel, produción e tratamento de celulosas e outras similares".
Salvado este escollo os veciños coinciden ao valorar a este polígono como unha "actuación estratéxica de innegable interese público e de gran importancia socioeconómica para os intereses da comarca" pois creará postos de traballo e xerará riqueza.