Piden o traslado da Policía Local ante as deficiencias atopadas por Inspección de Traballo no Pazo da Cultura
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
A Inspección de Traballo, tras visitar as instalacións da Xefatura da Policía Local no Pazo da Cultura, emitiu un informe que a xuízo de Antonio Millares, delegado de Comisiones Obreras (CC.OO.) na Policía Local, resulta "demoledor" ao recomendar ao Concello de Pontevedra no escrito unha "reflexión sobre a idoneidade das instalacións actuais e sobre a necesidade de buscar outro lugar de traballo para o servizo".
Desde a Inspección de Traballo apúntanse 15 medidas de carácter urxente para ir paliando temporalmente a situación pero no propio informe se indica que estes requirimentos preventivos, que se deben acometer nuns casos de maneira inmediata e outros nun prazo máximo de 6 meses, non van solucionar as deficiencias existentes na instalación.
Antonio Millares, acompañado pola axente e delegada sindical Maite Maquieira e pola secretaria da Federación de Servizos de CC.OO. Carmen Buján, reiteraba as queixas que levan denunciando desde hai unha década.
"No Pazo estamos de prestado", alega Millares sinalando que as instalacións pertencen a un organismo autónomo e lembra que, cando o goberno de Fernández Lores, trasladou a Xefatura a este espazo ao redor do ano 2002 indicaba que era de forma temporal. Por este motivo e a teor do informe da Inspección de Traballo reclaman ao Concello de Pontevedra un traslado a outras dependencias nun prazo curto de tempo.
Entre outros requirimentos, o documento do Ministerio de Traballo reclama que, de maneira inmediata, se reutilice a ducha do vestiario feminino que actualmente serve como almacén de produtos de limpeza; que tamén se reutilice o aseo para persoas con algunha discapacidade situado no vestiario masculino ao converterse nun almacén de produtos de limpeza; encargar a unha empresa especializada que analice as causas da lentitude do fornezo da auga quente; resituar a localización dos taboleiros de anuncios sindicais e cambiar o sistema de peche das consignas.
Traballo dá unha marxe que varía entre os dous e os seis meses para que se acometan outras medidas como a recolocación do persoal da oficina administrativa porque se atopan nun espazo sen a altura mínima; cambiar a zona de armeiros, onde coinciden ata 40 axentes nos cambios de garda, a outro lugar; cambiar as portas das duchas por material traslúcido ou instalar puntos de luz; analizar de forma periódica a auga xa que ofrece unha cor ocre; establecer accesos adecuados para persoas con discapacidades físicas; instalación de varanda na escaleira de acceso á primeira planta e a elaboración dun Plan de Emerxencia conxunto co Pazo da Cultura, co desenvolvemento dun simulacro de evacuación.
Millares indica que actualmente a saída de evacuación do edificio ten que realizarse pola zona que ocupa a Policía Local co problema de seguridad que supón.
Desde o Concello de Pontevedra, o concelleiro Vicente Legísima sinalaba que aínda non recibiron ese informe e que, en calquera caso, un traslado da Xefatura de Policía a outro edificio non se contempla polo momento.