Chega a nova resonancia magnética do Hospital Montecelo
Por Redacción
Xa chegou ao Hospital Montecelo o equipamento da nova resonancia magnética.
O novo equipo de radiodiagnóstico está dotado de tecnoloxía de antenas dixitais e dun imán de última xeración máis curto para reducir a sensación de claustrofobia e mellorar o confort do paciente. Ademais, posúe un avanzado sistema de redución de ruído acústico, un sistema de guiado ao paciente por voz para indicar as fases do estudo ou cando manter a respiración.
Unha vez rematada a instalación do novo equipo e realizada a proba de aplicacións, se procederá a executar a segunda fase de remodelación de espazos no centro hospitalario, na que está contemplado o acondicionamento da sala de informes, así como a completa renovación da sala da actual resonancia magnética.
En total, a obra para a instalación da nova unidade supón un investimento de 455.299,36 euros, ao que deben sumarse os gastos en honorarios profesionais por redacción de proxecto e dirección de obra, máis de 35.000 euros.
Así mesmo, o investimento no novo equipo de resonancia magnética, que o Sergas xestiona a través da figura contractual do socio tecnolóxico, é superior a 900.000 euros.