Mosquera acusa á Xunta de "roubar" a Pontevedra por non completar o saneamento do Río dos Gafos
Por Alejandro Espiño
Con malestar e preocupación. Así recibiron no Concello de Pontevedra a confirmación de que a Xunta de Galicia decidiu incumplir "unilateralmente", segundo o goberno municipal, o convenio polo que se tería que construír o novo colector do Río dos Gafos, unha obra "fundamental", explicou César Mosquera, para completar "definitivamente" o saneamento da parroquia de Tomeza e do Río dos Gafos.
Con esta decisión, di Mosquera, a Xunta "rouba" a Pontevedra 1,2 millóns de euros, a cantidade que estaba previsto investirse na construción dun colector "que estaba aprobado, licitado e adxudicado". Denuncia o edil nacionalista que "é unha traxedia para o Gafos" e que o goberno galego incumpre un compromiso que está asinado co Concello de Pontevedra "e sen dar ningún tipo de explicación crible".
"Cando non hai motivos confesables, maréase a perdiz", insistiu César Mosquera, que recordou que o proxecto de saneamento do Gafos "viviu moitas visicitudes no último ano e medio", e estaba parado "porque a Xunta alegou que tiña que revisalo, logo de ser licitado e adxudicado".
Nunha reunión celebrada esta mañá, o Concello coñeceu que se renuncia a executar esta obra, da que só se farán pequenos arranxos en Tomeza, e que se destinará ese diñeiro a elaborar un estudo sobre a situación xeral da ría de Pontevedra.
O Concello estudará xurídicamente esta decisión unilateral da Xunta "que está a incumprir un convenio", reiterou César Mosquera, e esixirá a execución desta obra "vital" para o saneamento definitivo do río Gafos, a eliminación de pluviais para a estación depuradora e o saneamento de parte da parroquia de Tomeza.
A XUNTA DA A SUA VERSION
Ao respecto desta xuntanza, Augas de Galicia asegura, nun comunicado de prensa, que presentou un estudo da problemática do saneamento no río Gafos. Comezou a redactarse, explican, despois de rescindir a obra proxectada para este río, "tras verificar que as actuacións plantexadas serían totalmente inútiles cos datos reais medidos a pé de obra e á vista da situación das infraestruturas existentes".
Do estudo se deprende, afirma este organismo, que a problemática do saneamento do río Gafos "é moito máis complexa do previsto polo concello, e non se solucionará a través dunha actuación concreta no colector paralelo ao río". Apuntan que os verdadeiros problemas que a motivan teñen a súa orixe no "deficiente" funcionamento do sistema municipal no seu conxunto, "polo que a súa execución implicaba o malgasto de fondos públicos".
Por todo isto, Augas de Galicia propuxo destinar o investimento comprometido para a obra rescindida a outras obras na rede vertente ao colector do Gafos "para reducir o aporte de augas pluviais ao mesmo e aliviar así parte da súa carga". Ademais, propuxeron a realización dun estudo "detallado e minucioso" de toda a rede de saneamento de Pontevedra "destinado a planificar solucións realistas aos problemas estruturais que se encontren".