Pontevedra suma catro novas Bandeiras Azuis, con Sanxenxo (14) liderando o ranking español
Por Alejandro Espiño
Sanxenxo, con 14 distincións, volve ser o concello español con maior número de Bandeiras Azuis, segundo deu a coñecer este xoves a Asociación de Educación Ambiental y del Consumidor (Adeac). Forman parte das 128 bandeiras, dúas máis que en 2012, que lograron os areais galegos que, un ano máis, encabezan o ranking español, seguidas por Valencia (114), Cataluña (90) e Andalucía (78).
Na provincia de Pontevedra contarán con este estandarte catro praias máis que o ano pasado, ao alcanzar as 59 con bandeira azul, repartidas en 13 concellos. As principais novidades son as incorporacións das praias de Area Fofa (Nigrán), A Xunqueira, A Borna e O Porto (Moaña) e Campanario (Vilagarcía de Arousa), que substituirá á bandeira que en 2012 ondeaba na praia de Preguntoiro.
Segundo destaca Adeac, a Bandeira Azul "é un recoñecemento outorgado ao esforzo dos xestores e usuarios nunha praia e debe servir como estímulo para definir e imprantar un novo modelo de turismo de sol e praia e un concepto de calidade global sostenible". E este ano conseguiron que unha de cada seis praias españolas conten con este distintivo de calidade que analiza, entre outras, a calidade das augas, os servizos e instalacións ou a información, a xestión e a educación ambiental.
O listado completo das 59 bandeiras azuis para as praias pontevedresas é:
- Sanxenxo (14): Areas, O Espiñeiro-A Lanzada, Caneliñas, Canelas, Paxariñas, Montalvo, Silgar, Bascuas, Major, Foxos, Areas Gordas, A Lapa, Baltar e Pragueira.
- Vigo (9): O Vao, Arganzada, Rodas e Figueiras (Illas Cíes), A Punta, Tombo do Gato, Fortilón, Canido e Fontaíña.
- Cangas (7): Areabrava, Nerga, Menduiña, Melide, Areamilla, Liméns e Rodeira
- O Grove (6): A Lanzada, Raeiros, Area da Cruz, Area Grande, Area das Pipas e Area de Reboredo
- Moaña (4): Praia do Con, A Xunqueira, A Borna e O Porto
- Baiona (3): Os Frades, Santa Marta e A Barbeira
- Nigrán (3): Praia América, Patos e Area Fofa
- Bueu (3): Area de Bon, Portomaior e Lagos
- Marín (3): Aguete, Mogor e Portocelo
- Poio (2): Xiorto e Cabeceira
- A Garda (2): O Muiño e Area Grande
- A Illa de Arousa (2): Area do Secada e Camaxe
- Vilagarcía de Arousa (1): Campanario
A todas estas distincións hai que engadir as oito bandeiras azuis logradas polos portos deportivos da provincia de Pontevedra: o Monte Real Club de Yates e o Porto Deportivo de Baiona, o Mariña Dávila en Vigo, os clubs náuticos de San Vicente do Mar (O Grove) e Portonovo, o porto de Vilanova de Arousa e os portos deportivos de Combarro e Sanxenxo.
Ademais das bandeiras azuis, Adeac concedeu tres distincións temáticas aos municipios galegos, entre eles ao do Grove, polo seu traballo en salvamento, socorrismo e primeiros auxilios.