Medio Ambiente colaborará na vía verde ferroviaria que unirá Portas, Caldas e Vilagarcía
Por Redacción
A Xunta de Galicia colaborará na posta en marcha da que será a primeira Vía Verde Ferroviaria de Galicia e que unirá os concellos de Portas, Caldas de Reis e Vilagarcía de Arousa.
Así o trasladou este venres a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, aos tres alcaldes dos municipios polos que transcorrerá esta senda e cos que mantivo unha reunión de traballo, para coñecer os detalles desta idea que se pode definir como "un itinerario ambiental, paisaxístico, turístico e patrimonial".
Vázquez manifestou que se trata dunha iniciativa moi interesante que asentará unha nova alternativa de ocio sustentable e de turismo de natureza nestes tres concellos da comarca do Salnés; pero sobre todo é un exemplo de "proxecto de cohesión dos territorios destes tres municipios".
Salientou que é unha "iniciativa de reciclaxe e de aproveitamento dos recursos naturais e paisaxísticos", ao darlle un novo uso a un treito de case 10 quilómetros en desuso da liña de ferrocarril entre Vilagarcía de Arousa e Portas; ao tempo que se pon en valor o patrimonio natural da comarca, a través dunha senda que poderán empregar peóns e ciclistas.
Nese sentido, ao longo do seu percorrido pódense gozar de bosques autóctonos, así como do patrimonio arquitectónico da zona, como a ponte de ferro sobre o río Umia ou o antigo apeadeiro de Ande.
Durante a xuntanza, indicou que unha garantía para sacar adiante esta iniciativa pasa pola sinatura dun convenio de colaboración, na que se establezan os termos nos que se executa este proxecto, no que tamén poden colaborar outras administracións interesadas, como a Deputación Provincial de Pontevedra, que xa ten manifestado publicamente o seu interese de contribuír neste proxecto.
Por último, a conselleira de Medio Ambiente trasladou a vontade da Xunta para asinar na maior brevidade posible o convenio de colaboración, co fin de facer realidade este novo reclamo turístico e medio ambiental para a zona do Salnés.
Relacionadas:
-
As máquinas empezan a traballar no medio dun novo capítulo do "culebrón da Vía Verde do Salnés", que xa dura dous anos
Por Natalia Puga & Cristina Saiz |
-
A Deputación esixe á Xunta que cumpra co seu compromiso para executar a vía verde do Salnés
Por Oskar Viéitez & Nacho Fuentes |
-
Pistoletazo de saída para acondicionar a Vía Verde do Salnés
Por Oskar Viéitez |
-
A Deputación comprométese a investir 200.000 euros na Vía Verde do Salnés
Por Redacción |
-
Os alcaldes de Vilagarcía, Caldas e Portas concretan os trámites para executar a Vía Verde do Salnés
Por Redacción |
-
Os técnicos empezan a traballar no proxecto da Vía Verde Vilagarcía-Caldas-Portas
Por Redacción |