Ponte Caldelas aconsella prudencia nas visitas á praia da Calzada, danada polos temporais
Por Redacción
Os continuos temporais de vento e choiva que están a azoutar Galicia durante os últimos días xa deixaron o seu rastro en Ponte Caldelas, onde o Concello detectou danos leves na contorna da praia da Calzada.
Ademais, as intensas precipitacións da pasada madrugada provocaron que o río Verdugo se saíse do seu leito a última hora da noite, sen que en principio, houbese maiores motivos para a preocupación.
O Concello de Ponte Caldelas supervisou a zona e comprobou a existencia de danos leves en sinais de tráfico e tamén que o vento arrastrou un contenedor de lixo ao río. Un farol da iluminación pública quedou semiarrancado do seu soporte e toda a zona quedou chea de ramas, follas e area.
Desde o Concello anuncian que procederán á limpeza e reparación destes danos menores durante a xornada deste luns e ata entón aconsellan prudencia a todas as persoas que acudan a gozar da praia da Calzada e do sendeiro azul.
Por outra parte, o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia rexistrou durante a xornada do venres e a madrugada deste sábado un total de 425 incidencias relacionadas coa última borrasca que afectou a Galicia. Na provincia de Pontevedra rexistráronse 170 incidencias, a maioría por caída de árbores e pólas nas vías de circulación e outras por restos de accidentes e obxectos varios nas estradas e alagamentos na vía.
No Concello de Pontevedra houbo 14 incidencias e no de Vilagarcía contabilizaron cinco.