A reforma do parque da Panadeira avanza mentres aumenta a oposición veciñal
Por Redacción
A obra de reforma do parque da Panadeira de Sanxenxo avanza a bo ritmo e o Concello anuncia que estará terminada a final de ano. Con todo, mentres as actuacións van vento en popa, van xurdindo cada vez máis críticas á forma en que se está executando. Este mesmo sábado, un pequeno grupo de veciños que se opón ás obras concentrouse na zona.
O Concello de Sanxenxo non obvia a polémica e esta fin de semana quixo responder a unha das críticas veciñais, que lle botan en cara que a actuación é, en realidade "un proxecto de reconversión do parque nunha pista de formigón e cemento". A Administración négao, pois está prevista a plantación de 54 novas árbores, 39 máis dos que había antes das obras.
"A pesar de certos bulos que se difundiron o novo parque incrementa considerablemente o número de árbores e de plantas", respondeu o Concello a traves dun comunicado. Así, antes tiña 40 árbores, entre eles seis palmeiras e 9 tamarindos que seguen no seu sitio. Tambien había 25 bananeiros, dos cales 10 mantéñense e 15 foron trasladados a outros sitios.
Sempre segundo os datos do Concello, o novo parque inclúe a plantación de 54 novas árbores que, en principio, serán catro magnolios, un cedro, 23 photinias, 20 rododendros e seis liquidámbar.
Desde o Concello insisten en que o parque era un espazo apagado que "pedía a voces unha completa renovación para convertelo nun lugar máis atractivo e mellor iluminado" para goce das familias e nenos menores de 12 anos. Antes da reforma, tiña 2.100 metros cadrados e coa mellora ampliará o seu espazo ata os 2.814 metros cadrados, é dicir 700 máis. A ampliación débese sobre todo ao incorporar a zona que antes se utilizaba de aparcadoiro.
A ex concelleira de Medio Ambiente de Sanxenxo, a ex socialista Coral González- Haba, e a portavoz de Somos En Marea Sanxenxo, María del Carmen Camiña Vázquez interpuxeron, o venres, unha instancia ante o Servizo de Urbanismo de Medio Ambiente da Xunta de Galicia solicitando que se paralicen as obras ata que teñan o permiso de Medio Ambiente, xa que consideran que o actual non ten efecto ao pasar máis de catro meses desde que se aprobou o proxecto e o comezo das obras.
Ambas asistiron este sábado á concentración veciñal, na que tambien había representantes de Podemos Sanxenxo, que aproveitaron para criticar a forma de goberno "autoritaria e trasnoitada" de PP e SAL.