Unha andaina ata Combarro quere simbolizar a procura de espazos libres de violencia de xénero
Por Redacción
O 25 de novembro vai desenvolverse unha andaina desde o Bosque das Mulleres en Lourido ata a praza da Chousa en Combarro onde se dará lectura a un manifesto. Este é o acto central da campaña contra as violencias de xénero que este ano pon en marcha o Concello de Poio.
A concelleira de Igualdade, Rosa Fernández acompañada pola concelleira de Deportes, Marga Caldas e a responsable do CIM, Raquel Morales, presentaban este martes as actividades que se van desenvolver dentro da programación prevista con motivo do Día internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres.
Este 15 de novembro xa comezarán as actividades cun obradoiro para o alumnado de terceiro da ESO do IES Fontenla, a cargo de Isabel Blanco, coautora da mostra 'Rompe e xoga en igualdade'.
Do 19 ao 21 de novembro van desenvolverse obradoiros a cargo das técnicas do CIM para o alumnado de cuarto da ESO. Do 19 ao 25 estará en marcha a campaña 'Poio en negro'. Por terceiro ano consecutivo, o municipio quere que establecementos comerciais, clubs deportivos, centros escolares e os diferentes colectivos amosen con distintivos e coa cor negra a súa oposición á violencia machista. Esta acción encádrase nunha iniciativa que se desenvolve xunto a outros 100 concellos. Deste xeito, o goberno local pide que se colguen panos negros para denunciar a lacra social que supón a violencia contra as mulleres.
A andaina prevista para o día 25 como colofón a todas estas propostas comezará ás 10.30 horas en Lourido cos participantes realizando a marcha con roupa negra. Tras a lectura do comunicado en Combarro, actuarán as pandereteiras do Ronsel e da Armadiña de maneira conxunta. As inscripcións deben realizarse a través do correo deportes.poiomovese@concellopoio.gal As primeiras 200 persoas que se apunten recibirán unha camiseta. En caso de chuvia, o acto será trasladado á sede da Comunidade de Montes de Combarro.
A responsable do CIM, Raquel Morales, sinalou que desde abril de 2017, levan atendidos 93 casos no municipio vencellados á violencia machista.