"Pontevedra ten un puntazo" organiza varios cursos formativos
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
O proxecto municipal "Pontevedra ten un puntazo", que dá visibilidade e interconecta as iniciativas empresariais innovadoras da cidade, presentou as súas próximas accións formativas que responden as demandas expostas polas máis de cen empresas adheridas a esta iniciativa.
A acción formativa "Facer dos cambios lexislativos oportunidades para as empresas do Puntazo" ten como obxectivo crear as condicións óptimas para o diálogo e facilitarlles as ferramentas necesarias para que o desenvolvemento de proxectos empresarias colaborativos.
As sesións terán lugar na Casa da Luz e darán comezo o vindeiro 24 de novembro cunha xornada sobre a Lei de Contratos coa Administración Pública. Todas as xornadas terán lugar en sábado, en horario de 10.00 a 14.00 horas co fin de facilitar a asistencia dos profesionais das empresas que conforman o programa "Pontevedra ten un Puntazo".
Para participar nesta acción formativa será necesaria inscrición previa para cada unha das xornadas, a través dun formulario on line dispoñible na páxina web do Concello de Pontevedra ou ben no enderezo electrónico pontevedratenunpuntazo@pontevedra.eu. As xornadas son de contido independente polo que os interesados poderán inscribirse naquelas que lles resulten máis interesantes para o seu desenvolvemento empresarial.
Ademais da formación en cooperación empresarial, dentro do programa formativo levarase a cabo unha xornada sobre a "Propiedade Intelectual no sector creativo e outros aspectos legais relacionados" da man do avogado pontevedrés Pablo Lois Carrera, membro de Pontevedra en un Puntazo.
O obxecto desta xornada é achegar aos asistentes cales son os seus dereitos, as formas de protección da propiedade intelectual así como aquelas acción legais que se poden levar a cabo contra a vulneración dos dereitos dos autores. Terá lugar o 4 de decembro ás 19.00 horas na Casa da Luz.
A concelleira de promoción da cidade, Anabel Gulías, tamén anunciou a celebración do 20 aniversario dunha das empresas que participan no programa "Pontevedra ten un puntazo". Trátase de "Polo correo do vento" que celebrará as súas dúas décadas de singradura cunha "contada para adultos" prevista para o próximo 20 de novembro ás 20 horas na Casa da Luz.
Relacionadas:
-
‘Pontevedra ten un Puntazo’, agora 'en liña'
Por Redacción |
-
RADIO.- Pontevedra ten un puntazo: A cooperación empresarial e Xeneme
Por Redacción |
-
RADIO.- O fotoxornalismo tamén ten un puntazo
Por Redacción |
-
Dúas por dúas son dúas
Por Marisa Ciordia |
-
RADIO.- Pontevedra non deixa "cabos soltos" ante a nova lei de espectáculos
Por Alejandro Espiño & Marisa Ciordia |
-
RADIO.- Pontevedra ten un puntazo: Un "speed dating" para conectar a mozos creativos con empresas do sector
Por Redacción |