Tensión e atraso no cambio de quendas no cárcere da Lama nunha nova xornada de folga
Por Redacción
Ás 22.00 horas deste venres iniciábase unha nova convocatoria de folga de funcionarios de prisións, organizada pola plataforma sindical de prisións integrada por cinco organizacións sindicais, con motivo do conflito laboral colectivo que se atopa aberto entre a administración peinitenciaria e os empregados públicos de prisións.
O obxectivo desta convocatoria que se prolongará durante os días 18, 19 e 20 de novembro nos 84 centros penais dependentes da Secretaría Xeral de Institucións Penitenciarias era que afectase o servizo de comunicacións nos cárceres durante a fin de semana.
No cárcere da Lama, segundo contan fontes sindicais, a substitución prevista ás 08.00 horas da mañá deste sábado atrasouse ata as 12.00 horas.
Segundo explican representantes dos sindicatos, a Garda Civil cortou o acceso ao centro a dous quilómetros das instalacións, obrigando aos funcionarios que ían realizar os servizos mínimos a acudir andando tras deixar aparcados os coches no parque industrial do municipio. Tras uns momentos de tensión, os funcionarios negáronse e as forzas da orde retivéronos durante unha hora e media para, a continuación, deixarlles pasar de tres en tres.
Esta situación provocou tensión tamén nos módulos do centro penitenciario porque a falta de efectivos atrasou as saídas dos internos ao patio e tamén orixinou atraso nas comunicacións.
Con esta protesta, os convocantes da folga seguen reclamando ao ministro de Interior, Fernando Grande-Marlaska, que desbloquee este conflito laboral e busque a negociación. O persoal que traballa nas prisións reclama un incremento retributivo dunha media que se sitúa ao redor dos 375 euros no complemento específico para o próximos tres anos.
Relacionadas:
-
Funcionarios da Lama logran o compromiso de Margarita Robles de que elevará as súas demandas
Por Natalia Puga & Diego Torrado |
-
Un total de 28 funcionarios da Lama póñense enfermos ao mesmo tempo
Por Natalia Puga |
-
Medio milleiro de funcionarios de prisións de toda Galicia maniféstanse en Pontevedra en demanda de melloras laborais
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
O cárcere da Lama súmase á primeira folga xeral na historia de Prisións
Por Redacción |