Cubela confía en que o novo xeriátrico de Cerdedo estea en funcionamento a finais de 2020
Por Redacción
A empresa Ogmios Proyecto iniciou esta semana a obra física para a construción da nova residencia da terceira idade de Cerdedo coas tarefas de desmonte, movementos e excavacións de terra, despois de asinar a acta de replanteo hai tres semanas coa presenza do xerente do Consorcio de Igualdade, Perfecto Rodríguez, e de perfilar diversas cuestións técnicas e administrativas nestes últimos días.
O novo xeriátrico público, que contará con 48 prazas e disporá a posibilidade de que o Concello reserve prazas para a atención aos veciños que a poidan precisar, suporá un investimento integral de 1,7 millóns de euros, xa que a obra foi contratada por 1,45 millóns e os 250.000 euros restantes destinaranse ás direccións de obra, estudos, equipamentos e dotación de mobiliario.
O presidente municipal, Jorge Cubela, revelou que, dado que o prazo de execución de 18 meses fixa o fin da obra para abril de 2020, o goberno local agarda que o novo xeriátrico estea en funcionamento no segundo semestre dese ano.
VISITA Á OBRA DO LOCAL DE FILGUEIRA
Por outra banda, Cubela tamén acudiu, xunto ao concelleiro José Luis Crujeiras, a supervisar outra importante obra que se está acometendo, neste caso en Filgueira, e que consiste na reconversión dunha nobre casa de pedra no novo local social da aldea.
Os traballos están a avanzar paseniñamente co obxectivo de respectar ao máximo a beleza e o gran valor patrimonial do inmoble, pero confíase en que estean rematados no primeiro trimestre do ano.