150 comercios de Bueu, en negro contra a violencia machista
Por Redacción
Un total de cento cincuenta establecementos comerciais do municipio uníronse á campaña Bueu en negro contra as violencias machistas e por iso durante esta semana os escaparates e demais espazos públicos e privados vestirán de loito como símbolo de protesta.
Bueu adheriuse este ano por primeira vez á campaña, na que participan un cento de concellos galegos, co gallo do Día Internacional da Non Violencia Contra as Mulleres, e desde o Centro de Información ás Mulleres informouse a todos os establecementos da vila para realizar unha protesta conxunta e con impacto na sociedade.
Nas redes sociais do Concello de Bueu iranse publicando durante esta semana as imaxes dalgúns escaparates participantes e convídase a que desde os locais compartan as súas fotos e as envíen a comunicacion@concellodebueu.gal.
Con motivo do Día Internacional da Non Violencia Contra as Mulleres, Bueu organiza unha programación que, ao igual que en anos anteriores, ten como eixe vertebrador aos máis pequenos e pequenas.
O acto central terá lugar o vindeiro venres 23 de novembro, cando terá lugar a concentración en memoria das vítimas da violencia machista ás 11.45 horas na Praza do Concello e, a continuación, no Centro Social do Mar, alumnado do CPR Virxe Milagrosa realizará unha declaración conmemorativa seguida da entrega de premios do XVI concurso de carteis.
Tamén se están organizando obradoiros de novas masculinidades nos centros de primaria e secundaria da vila, e xa o pasado venres o Cineclub Bueu proxectou Lady Macbeth, un filme de William Oldroyd que plasma na pantalla a asfixiante atmosfera de séculos de opresión silenciosa á muller.
Por último, na biblioteca municipal Torrente Ballester haberá cunha exposición de libros relacionados coa violencia machista e outros que teñen ás mulleres como protagonistas