"Se é un maltratador nunca é un bo pai"
Por Redacción & Mónica Patxot
Dúas grandes lonas, colocadas na fachada da Casa Consistorial, e un circuíto de anuncios por toda a cidade dá visibilidade á campaña que con motivo do 25-N, día internacional da non violencia contra a muller, pon en marcha o Concello de Pontevedra.
Baixo o lema "Se é un maltratador nunca é bo pai", o goberno municipal busca poñer o foco na necesidade de afastar aos menores dun pai maltratador e reivindicar que os nenos e nenas tamén son vítimas da violencia machista que sofren as súas nais.
Esta "obrigada relación" co maltratador, segundo a concelleira de Igualdade, Carmen Fouces, é una relación "moi invisibilizada" e que ten consecuencias tanto no presente como no futuro dos menores "que como sociedade non nos podemos permitir".
O despregue das dúas lonas na Praza de España marcou o arranque da campaña gráfica que se deixará ver en todo o concello. No balcón estiveron edís de todos os grupos municipais da corporación, co alcalde Miguel Anxo Fernández Lores á fronte.
Con esta campaña, Pontevedra reivindica que "non nos podermos permitir" que haxa menores criados e atendidos por homes maltratadores e sinala que "é unha responsabilidade de todo o mundo lanzar un berro para que entendan que non é posible que un maltratador poida chegar a ser un bo pai".
"Unha persoa que atenta contra a nai, contra a súa parella ou que planifica atentar contra ela nunca poderá ser un bo pai", engadiu Carmen Fouces, xa que os valores que lle pode transmitir ao menor "van a ser uns valores baseados na violencia".
A este respecto, o goberno municipal recorda que os maltratadores de hoxe "foron os menores que no seu día foron criados polos maltratadores de onte", e se non se para este ciclo de violencia "mañá vamos a ter outra remesa de persoas que lamentablemente van a estar vendo como referentes este tipo de actitudes".
A iniciativa municipal tamén reclama que igual que hai ordes de afastamento para mulleres vítimas da violencia machista ten que habelas para os nenos e nenas.
A estrea teatral de Invisibles e a exposición fotográfica Namórate de ti -aberta na Casa da Luz ata o 25 de novembro- foron os primeiros pasos da campaña deseñada pola concellería de Igualdade, que agora chega á rúa e que se completará coa presentación do informe #PrimAcoso, relatos das primeiras experiencias da violencia nas vidas das mulleres.
Relacionadas:
-
Pontevedra impulsará un plan de atención psicolóxica a menores vítimas da violencia machista
Por Alejandro Espiño |
-
#PrimAcoso confirma que a violencia contra as mulleres está normalizada e que os agresores saen impunes
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
O persoal do Complexo Hospitalario de Pontevedra amosa a súa oposición á violencia machista
Por Redacción |
-
A Xunta suma as prazas de abastos á campaña do día contra a violencia de xénero
Por Redacción |
-
A cuarta edición de "Mulleres en acción. #ViolenciaZero" será a máis participativa
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Teatro para poñer o foco na outra cara da moeda
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
'Namórate de ti', mulleres que fortalecen a autoestima a través da fotografía
Por Mónica Patxot & Redacción |
-
A campaña municipal do 25-N visibilizará o medo e a soidade que sofren as vítimas de violencia machista
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |