Home de 35 a 49 anos, retrato tipo do pontevedrés que conduce baixo os efectos do alcohol
Por Alejandro Espiño
Dous de cada tres condutores que foron imputados en 2012 por delitos relacionados coa seguridade do tráfico fórono por conducir baixo os efectos de bebidas alcohólicas. Así se recolle na memoria da Policía Local de Pontevedra. En total, os axentes denunciaron 145 persoas por exceder a taxa que marca o límite entre a sanción administrativa e o suposto penal, fixado en 0,60 mg/l en aire espirado, máis do dobre do nivel permitido.
En concreto, a Policía Local imputou a 197 condutores pola comisión de 214 delitos. Os ilícitos por conducir baixo os efectos do alcohol representaron o 68% do total dos delitos contra a seguridade viaria. A eles hai que sumar un condutor que foi denunciado por conducir baixo a influencia das drogas.
Ademais das alcoholemias, o resto dos delitos rexistrados en 2012 foron por carecer de permiso de conducir (57), entre os que se recollen tres supostos: 18 por perda de todos os puntos, 16 por ser privado do permiso por decisión xudicial e 23 por non obter nunca o permiso; por non someterse á proba de alcoholemia (10) e por condución temeraria (1).
18 destes condutores foron imputados por varias infracciones penais no mesmo suceso. Nove deles por conducir baixo os efectos do alcohol e negarse a someterse ás probas; cinco por superar a taxa de alcoholemia permitida e conducir sen permiso; dous por conducir sen obter nunca o permiso e facelo con máis alcohol do legalmente establecido; e un por conducir con temeridade poñendo en perigo a vida de terceiros, baixo a influencia de bebidas alcohólicas e negarse a someterse ás probas de alcoholemia cando foi detido.
CARACTERISTICAS DO INFRACTOR
Segundo a memoria da Policía Local, o 94% dos delitos cometidos contra a seguridade viaria (201) foron protagonizados por homes, mentres que as mulleres foron tan só o 6% restante (13). En canto á idade destacan o treito de entre 35 e 49 anos co 42% do total de delitos e o comprendido entre os 20 e 34 anos, co 36%. No extremo oposto só un 1,4% dos infractores tiñan entre 15 e 19 anos ou entre 60 e 64 anos.
Outro dato interesante a destacar é que decembro volve ser o mes no que se producen máis delitos relacionados coa condución, ao estar moi relacionado con festas, ceas de empresa e consumo de alcohol. Nese mes producíronse 28 delitos, un 13% do total. Uns números algo máis elevados aos que se rexistran entre setembro e novembro. Pola súa banda, febreiro, xuño e xullo son os meses nos que os condutores somos máis prudentes.
Para rematar, o 44% do total deste tipo de delitos (94) prodúcense as fins de semana, especialmente os domingos, que empezan a contabilizarse desde as 00.00 horas, horario tradicional da denominada movida nocturna. Luns e venres son os días con menos infraccións. Esta tendencia repítese ao comprobar que un de cada dous delitos (106) cométense entre as 00.00 e as 08.00 horas.
Relacionadas:
-
Un condutor bébedo e co carné retirado polo xuíz intenta subornar a Policía para evitar unha sanción
Por Natalia Puga |
-
Cada día 14 pontevedreses son 'cazados' baixos os efectos do alcohol
Por Oskar Viéitez |
-
Dúas de cada tres persoas 'pilladas' conducindo drogadas consumiran cannabis ou cocaína
Por Alejandro Espiño |