O Colexio de Veterinarios de Pontevedra reclama que lles baixen o IVE ao tipo reducido
Por Oskar Viéitez
A subdelegada do Goberno, Maica Larriba, recibiu este martes a Luís Núñez Desiré, presidente do Colexio Oficial de Veterinarios de Pontevedra, e ao presidente da Asociación Empresarial de Clínicas Veterinarias de Galicia, Alberto Silva, que lle pediron que se contemple nos orzamentos do Estado do ano 2019 unha baixada do IVE ao tipo reducido (10%) polos servizos veterinarios que prestan aos animais de compañía.
Desde o Colexio de Veterinarios de Pontevedra entenden que a súa é unha profesión sanitaria e os establecementos veterinarios realizan un labor de prevención de enfermidades e realiza "relevantes funcións en beneficio do interese xeral en materia de saúde pública".
Aseguran que o impacto da subida do tipo impositivo durante estes últimos anos a efectos das arcas do estado "foi case nulo" e que o efecto desta baixada do IVE "produciría un beneficio case inmediato no sector veterinario, na saúde pública e nas economías de case a metade das familias do país" xa que se estima que un 45 % das familias teñen mascotas.
"Non é admisible que se lle aplique aos tratamentos e consultas dos animais de compañía un gravamen que os vén a equiparar coma se fose un luxo", apuntan desde o colexio.