Pontevedra véndese como plató de rodaxe ante un cento de profesionais do audiovisual de toda España
Por Redacción & Mónica Patxot
Un cento de profesionais do mundo audiovisual de toda España participan desde este martes en Pontevedra na 12 edición do pitching 'I+P, Ideas para producir', no que, por primeira vez, se realizarán actividades promocionais co obxectivo de potenciar a cidade de Pontevedra e a súa contorna como un escenario ideal para a rodaxe de producións audiovisuais de cine e televisión.
O alcalde de Pontevedra, Miguel Fernández Lores, e a concelleira de Promoción Económica e da Cidade, Anabel Gulías, realizaron este martes na Casa da Luz unha recepción oficial aos participantes no evento profesional que se celebra entre este martes e este mércores no Pazo da Cultura.
Os profesionais asistentes participarán na presentación dunha escolma de 17 proxectos audiovisuais en distintas fases de desenvolvemento. O evento supón unha oportunidade para a venda, financiamento, distribución e coprodución de contidos para cine e televisión.
Ademais, este ano o Clúster Audiovisual Galego, que promove o evento, deseñou a actividade 'Tour cinematográfico PontevedraPlató'.
Nesta edición, os traballos serán presentados diante dun auditorio formado por responsables de contidos de canles de televisión, produtoras e distribuidoras de primeiro nivel como RTVE, Mediaset España, Atresmedia, Movistar+, CRTVG, TV3, EITB, Grupo Euskaltel, Filmax, A Contracorriente Films, DeAPlaneta, Plano a Plano, Boomerang TV, Sr Mono ou Arcadia Motion Pictures, entre outras.
O Clúster Audiovisual Galego organiza o pitching 'I+P, Ideas para producir' coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), e do Concello de Pontevedra.