Elnosa manterá a súa sede en Pontevedra desde onde administrará a súa nova fábrica de Torrelavega
Por Oskar Viéitez
A empresa Elnosa abriu un novo período de consultas co comité de traballadores para negociar o segundo ERE extintivo para o persoal da cloreira.
A día de hoxe son 28 persoas as que están empregadas na electroquímica e quedarán exentas deste novo expediente de regulación de emprego as sete persoas dos departamentos comercial e administrativo.
O portavoz dos traballadores, Avelino García, sinalou que isto significa que "Elnosa S.A. non vai desaparecer como empresa" xa que "vai manter a súa sede na comarca de Pontevedra" aínda que isto non implica que siga sendo na cidade do Lérez. Desde aquí administrarase a fábrica de Torrelavega e a comercialización de produtos.
A partir do 31 de decembro deste ano cesan a súa actividade 10 persoas, o 31 de xuño de 2019 outras 8 e quedarán 3 persoas en planta ata xullo de 2020. Todas elas ocuparanse de tarefas de limpeza dos terreos e supervisión do desmantelamento. Basicamente están "a preparar a instalación para a súa demolición", uns traballos que completarán nun mes.
Nunha rolda de prensa convocada na sede de Comisións Obreiras, Avelino García indicou que "practicamente está finiquitada a actividade da fábrica", unha noticia que, segundo dixo, poñerá "contentos" aos responsables do goberno local de Pontevedra. "Farán outra festa", comentou.
Para os traballadores "o gran responsable de que moitos de nós teñamos que coller a maleta e irnos a 500 quilómetros da nosa cidade é o Concello de Pontevedra" pola súa "belixerancia" contra a presenza da cloreira en terreos de dominio marítimo terrestre en Lourizán. Igualmente recrimina a súa responsabilidade neste peche á dirección da propia empresa, a multinacional portuguesa Bondalti, antes Grupo CUF.
O secretario de organización de Comisións Obreiras, Jose Luís García Pedrosa, tamén culpou ao Goberno do Estado, "tanto o de Mariano Rajoy como o de Pedro Sánchez" por actuar "con moita covardía política" ao non resolver a situación legal da continuidade da clorera á que "deixaron morrer de inanición".
"Os únicos que non temos culpa son os traballadores, iso témolo moi claro", asegurou Avelino.
En Elnosa traballaban 61 persoas. A dirección da electroquímica ofreceu recolocacións a "gran parte do persoal" na nova fábrica do grupo en Torrelavega en "moi boas condicións" económicas e de estabilidade laboral. Unhas 17 persoas xa aceptaron este traslado e empezarán a traballar no novo destino no mes de abril.
Ademais agradeceron á dirección de ENCE o seu "compromiso" porque está a ofrecer contratos aos traballadores da que fose a súa empresa auxiliar. Actualmente hai sete ex traballadores de Elnosa empregados na pasteira "e con posibilidades de entrar máis" a medida que vaian necesitando cubrir persoal, segundo o compromiso trasladado pola fábrica de celulosa.
"O 80% do persoal vaise recolocar", ben sexa en Torrelavega ou en ENCE.
O secretario de organización de Comisións Obreiras, Jose Luís García Pedrosa, lamentou este desenlace final da fábrica de Elnosa en Pontevedra que perde máis de 50 postos de traballo e un investimento de 50 millóns de euros que se fará en Torrelavega.
García Pedrosa lamentou a perda de tecido industrial que "empobrece" á capital da provincia e "elimina posibilidades de desenvolvemento".
Finalmente, García Pedrosa valorou que o sindicato Comisións Obreiras "fixemos todo o que puidemos facer e creo que un pouco máis" respecto a a situación da empresa Elnosa en Pontevedra da que "fixemos bandeira de manter a súa continuidade" unha circunstancia que "nos creou incomprensións".
"Nós consideramos que o papel dos sindicatos é o de defender o emprego", xustificou o secretario de organización de Comisións Obreiras.
Relacionadas:
-
Última protesta dos traballadores de Elnosa coas maletas preparadas para marchar a Torrelavega
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Rafa Domínguez pide explicacións públicas a Lores sobre o peche de Elnosa
Por Redacción |
-
APDR celebra o peche de Elnosa e acusa á empresa de ser os "únicos responsables"
Por Redacción |
-
Elnosa confirma o peche da factoría e culpa o Concello pola súa "oposición destrutiva"
Por Redacción |
-
A Xunta ve "imprescindible" ampliar a depuradora e propón ocupar terreos de ENCE
Por Alejandro Espiño & Oskar Viéitez |
-
Comisións Obreiras defenderá nos despachos e na rúa os postos de traballo en Ence e Elnosa
Por Oskar Viéitez |
-
A continuidade de Ence e Elnosa forma parte da "axenda galega" que En Marea negociará co Goberno de Pedro Sánchez
Por Oskar Viéitez |