A Deputación e os concellos beneficiarios asinan os convenios do Plan Deporemse
Por Oskar Viéitez
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, asinou este xoves cos alcaldes dos 21 concellos da provincia beneficiarios do Plan DepoRemse os convenios para a posta en marcha das actuacións enmarcadas neste Plan de Remodelación e Mellora da Seguridade dos Viarios Municipais.
Esta iniciativa afecta a 31 concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes, cun investimento global de 11 millóns de euros.
A través de DepoRemse, a Deputación impulsa proxectos que van permitir aos concellos remodelar rúas e viarios a fin de facilitar a comunicación entre espazos de emprego e de uso social, sanitario ou educativo, así como mellorar aqueles trazados que soportan unha alta densidade de tráfico tanto peonil como rodado.
Segundo explicou a presidenta, trátase dun novo instrumento de cooperación entre a institución provincial e os concellos que busca unha mobilidade sostible que dea prioridade á seguridade e á mobilidade peonil nas infraestruturas viarias.
Na sinatura dos convenios de colaboración, Carmela Silva recoñeceu o esforzo dos concellos da provincia por "recuperar os espazos públicos para as persoas" e de aí que o Plan DepoRemse vaia contribuír a este obxectivo, "logrando que os vehículos non ocupen o primeiro lugar nos nosos pobos e vilas e as persoas pasen a ser a prioridade".
Carmela Silva aproveitou ademais o acto para demandar que os procedementos administrativos para poder levar adiante os proxectos "sexan cada vez máis áxiles, menos gravosos e menos complicados", xa que esta circunstancia está a afectar "non só ao desenvolvemento dos proxectos, senón tamén á súa execución".
Relacionadas:
-
Carmela Silva saca peito dos plans DepoRemse e Reequilibrio da Deputación: "Nunca se fixera tanto"
Por Natalia Puga |
-
A Deputación completa os convenios do Plan DepoRemse cos dez últimos concellos beneficiarios
Por Oskar Viéitez |
-
Moraña pecha o seu plan de infraestruturas e obras en 2,74 millóns
Por Oskar Viéitez |
-
A Seca e A Seara beneficiaranse das axudas do plan DepoRemse
Por Redacción |