Lourizán acusa á Xunta de facer "chantaxe" co posible peche da ría ao marisqueo
Por Redacción
As análises realizadas por Sanidade ás augas das zonas de baño de Pontevedra, que cualifican de excelente a calidade da práctica totalidade da ría, demostran segundo a Plataforma Non Á Ampliación da Depuradora dos Praceres que a Xunta de Galicia está a "chantaxear" á opinión pública alertando dun posible peche do marisqueo.
É unha estratexia, sinalan, para xustificar a ampliación da depuradora. Entenden que o goberno galego debería explicar esta "disparidade de criterios" coas análises de Augas de Galicia e acusan á Xunta de estar "dispostos a mentir, ameazar e usar falsos argumentos".
Neste feito inclúen tamén as posibles multas da Unión Europea polo saneamento da ría de Pontevedra, xa que a plataforma asegura que é o organismo autonómico o competente nesta materia "e tivo moitos anos para solucionar este problema", sen que buscaran alternativas encamiñadas a un saneamento "sustentable".
En lugar diso, engaden, "agora éntranlle as présas nunha fuxida cara adiante" cando, descartada a ampliación ata 2023, as melloras na actual EDAR "deberan ser suficientes para solucionar a curto prazo o saneamento e evitar as multas".
A plataforma entende que a solución pasa "necesariamente" por tratar as augas residuais en orixe, en cada concello, en lugar de entubalas a través de toda a ría cara un único punto, buscar alternativas á actual EDAR, asegurar a separación das augas pluviais e a eliminación da auga de mar ou separar as augas residuais industriais das domésticas.
A iso suman facer máis depuradoras de menor tamaño, como se fixo nas outras rías.
Relacionadas:
-
Lidia Senra tamén levará ao Parlamento Europeo a ampliación da EDAR dos Praceres
Por Redacción |
-
Ethel Vázquez garante que o novo colector de Marín estará listo a finais de 2019 para reforzar a depuradora de Praceres
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
A Xunta convoca novos permisos para marisqueo a pé nas confrarías de Vilaboa e O Grove
Por Redacción |
-
Unha acción de protesta sinala que Lourizán é o "lugar máis degradado de todo o litoral galego"
Por Redacción |
-
Lourizán celebra un "magosto da dignidade" contra a ampliación da depuradora
Por Redacción |
-
En Marea insta o Goberno do Estado a non autorizar a ampliación da depuradora dos Praceres
Por Oskar Viéitez |
-
Respaldo unánime a converter o antigo campo de fútbol de Praceres en zona deportiva e de lecer
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Augas de Galicia fixa no "horizonte" de 2023 a ampliación da depuradora
Por Alejandro Espiño |