Moraña conmemora o 25-N cunha pancarta e actividades educativas
Por Redacción
Os escolares e as mulleres de Moraña centraron a atención do programa de actividades organizado polo goberno municipal con motivo do 25-N, día internacional da eliminación da violencia contra as mulleres.
A xornada arrancou ao mediodía na casa consistorial de Moraña, onde a alcaldesa, Luisa Piñeiro, e as participantes no obradoiro Proxecto Círculo colgaron da fachada unha pancarta con lemas reivindicativos contra a violencia de xénero.
A continuación, o CPI Santa Lucía acolleu o resto das actividades, concibidas coa dobre vertente da interacción social e o fomento da educación en valores e principios de igualdade.
A alcaldesa, a comunidade educativa e as mulleres percorreron os corredores do centro educativo para coñecer os distintos traballos en torno ás árbores e as súas partes, que están a desenvolver os alumnos dos seis cursos de Educación Primaria para a elaboración de O libro violeta das nenas e nenos de Moraña, que verá a luz no mes de marzo.
Tamén visitaron os traballos da sección O bosque, realizada para a mesma publicación polos estudantes dos dous primeiros cursos de Secundaria.
O acto rematou coa lectura dun manifesto, no que se reiterou o rexeitamento absoluto á violencia de xénero e se amosou o apoio e solidariedade coas vítimas, tras o que se procedeu á plantación dunha árbore, como símbolo de respecto á vida, no patio do colexio.
Ademais, estanse repartindo polos comercios, bares e negocios de Moraña uns adhesivos reivindicativos co lema Fronte á violencia de xénero só cabe unha resposta. Sen ningún xénero de dúbida. NON para seguir afondando na concienciación social.
Relacionadas:
-
Adaptan o patio do recreo do colexio de Moraña para fomentar a socialización e previr o acoso
Por Redacción |
-
Os nenos e nenas de Moraña editan o seu primeiro libro sobre igualdade
Por Redacción |
-
Moraña impulsa un libro sobre igualdade feito por escolares
Por Redacción |
-
A Tropa de Trapo comeza en Moraña a súa xira co espectáculo 'Contamos todas'
Por Redacción |