A troita volve reinar en Ponte Caldelas grazas ao éxito da Festa da Troita
A troita volveu reclamar o seu protagonismo entre as festas gastronómicas galegas. Ponte Caldelas vestiu as súas mellores galas durante este fin de semana para celebrar a XLVII edición da Festa da Troita, un dos principais eventos do calendario festivo da comarca de Pontevedra. De novo, centos de persoas participaron nas múltiples actividades que se organizaron con motivo desta festa.
Durante os dous días de festa, repartíronse preto de 2.000 quilos de troita. Os stand habilitados na Alameda de Ponte Caldelas non deron abasto durante a fin de semana para satisfacer a gula dos asistentes. A algo que, sen dúbida, axudaron os prezos populares desta edición. Cada ración de troita, acompañada de pan e viño, custaba só catro euros. Un produto que se podía degustar tamén nos restaurantes locais, que contaban con menús coa troita como prato principal.
O programa dos festexos da Festa da Troita incluía tamén outras propostas lúdico-culturais como unha exposición pictórica no Centro Cultural, un certame de corais, un festival de baile, un concerto da Banda de Música de Beade (Vigo) ou unha verbena na noite do sábado, que foi amenizada polas orquestras Isla e Canela.
GAÿADORES DO CONCURSO DE PESCA
Ademais, no marco desta Festa da Troita celebrouse o tradicional concurso internacional de pesca. Fernando Blanco Gómez, da Sociedade de Pesca de Padrón, foi o gañador absoluto. Foi unha vitoria que permitiu que os coruñeses fosen tamén os vencedores por equipos. Luís Alfonso Orge Amoedo foi o triunfador en veteranos, Inés Suárez Tarrazo en féminas, Jesús Canicoba Aboy en xuvenís e Ruth Villanueva Iglesias, en infantil. A peza de maior tamaño, de 435 gramos, foi pescada por José del Río Somoza.
Durante a entrega de premios, o alcalde de Ponte Caldelas, Perfecto Rodríguez, destacou que esta festa, declarada de interese turístico galego, "serve como revulsivo económico para sectores como a hostalería e o pequeno comercio, ao tempo que divulga a Ponte Caldelas como destino para aquelas persoas que apostan polo turismo familiar, o encontro coa natureza e a tranquilidade dunha vila do interior da provincia".
Relacionadas:
-
Ponte Caldelas convoca os concursos de redacción, fotografía e carteis para a Festa da Troita 2014
Por Redacción |
-
As eleccións europeas de maio obrigan a cambiar o calendario da Festa da Troita
Por Redacción |
-
Ponte Caldelas prepárase para servir 2.000 quilos de troita na súa festa gastronómica
Por Diego Espiño |