A protección ambiental do río Gafos, máis preto de aprobarse
Por Alejandro Espiño
A declaración do río Gafos como espazo natural de interese local (ENIL) está preto de aprobarse definitivamente. O Diario Oficial de Galicia publicou o plan de conservación que supervisará o coidado de todo este ámbito, que abarca 49,8 hectáreas entre a senda fluvial de Otero Pedrayo e o límite co concello veciño de Vilaboa.
Este plan, que xa conta con todos os informes favorables da Xunta de Galicia, foi impulsado polo Concello de Pontevedra e elaborado polo biólogo Vítor Xosé Cabaleiro Barroso e a enxeñeira forestal María Formoso Beloso. É un documento que establece as actuacións necesarias para preservar a riqueza natural do Gafos.
Os expertos recordan que no ecosistema do Gafos están catalogadas 180 especies de plantas. A elas súmanse case 250 especies invertebradas, vinte de mamíferos, once de anfibios, once de réptiles, seis de peixes e 92 de aves, das cales medio cento crían con regularidade na zona. Moitos destes animais e prantas teñen unha protección especial como especies ameazadas.
De aí que o plan recomende que, ante a importancia ecolóxica do Gafos e a súa fraxilidade, se aproben medidas que garantan non só a súa conservación, senón a súa recuperación.
Entre os factores de risco que se identifican, sinalan un uso recreativo excesivo, a introdución de especies animais e vexetais foráneas, as verteduras incontroladas de lixo ou a presión urbanística, ao estar preto do tramado urbano da cidade.
Para combater esta situación, o plan determina como "prioritario" completar a mellora da rede de sumidoiros no río Gafos ou a eliminación de especies invasoras ou exóticas, entre as que cita seis plantas -mimosa, acacia negra, falsa acacia, eucalipto, herba da Pampa e a coñecida como "amor de home"- e dous animais, o visón americano e o cangrexo americano.
Ademais, reclama medidas para recuperar o bosque autóctono de ribeira, mellorar as marxes do río que estean degradadas e reforzar a súa limpeza, eliminar todo tipo de impactos visuais, crear hábitats para anfibios e reservas de aves ou limitar o uso recreativo, entre outras cousas, habilitando un sendeiro alternativo para as bicicletas.
O plan dedica un amplo apartado a establecer as prohibicións de actividades no ámbito do ENIL, entre elas a caza. Tamén se impide a solta de animais ou sementes, o uso de megafonía ou aparatos que emitan son a alto volume, a instalación de iluminación que sexa molesta ou a entrada de animais domésticos soltos e se limita o emprego de herbicidas.
Outras infraccións serían facer calquera tipo de vertedura, deterxentes ou xabóns, lavar vehículos ou outros obxectos, aparcar vehículos, caravanas ou remolques, instalar tendas de campaña, casetas ou mesas e cadeiras, facer inscricións ou debuxos nas árbores, colocar pancartas ou anuncios publicitarios, prender lume ou fogueiras ou depositar lixo.
O Concello agarda que a resolución definitiva do ENIL -trámite que está pendente desde 2013- poida ser emitida cara final de ano, especialmente tendo en conta que a parte ambiental está rematada e non se agardan alegacións nos sete días que abarcará o período de exposición pública deste plan de conservación.
Relacionadas:
-
Denuncian unha nova vertedura no Gafos, a primeira desde a súa declaración como ENIL
Por Redacción |
-
O río Gafos obtén a súa declaración como espazo natural de interese local
Por Alejandro Espiño |
-
O Gafos líbrase de 110 quilos de lixo nun proxecto de limpeza simultánea de ríos
Por Redacción |
-
Vaipolorío decláralle a guerra á herba da Pampa
Por Redacción |