O 31 de decembro, data de caducidade do Padroado do Museo de Pontevedra
Por Alejandro Espiño
O "control absoluto" do Museo de Pontevedra por parte da Deputación está máis cerca. Segundo desvelou o portavoz do BNG, César Mosquera, o Patronato do Museo será disolto o próximo 31 de decembro. A decisión, dixo, xa é firme. A aprobación definitiva da disolución do organismo autónomo e a derogación dos seus estatutos producirase no pleno que a institución provincial celebrará o venres 26 de outubro.
César Mosquera agarda que, dado que se trata dunha decisión política, á Deputación "lle entre un ramallazo de sensatez" e dea marcha atrás nos seus plans de integrar o Museo na estrutura orgánica do ente provincial. "ÿ un auténtico disparate e a tramitación é unha falta de respecto á xente que colaborou durante anos e de forma desinteresada co Museo".
Con este último comentario, Mosquera referíase ao rexeitamento das 1.140 alegaciones presentadas por colectivos sociais, culturais e veciñais de Pontevedra á supresión do patronato. Alegaciones, explicou Mosquera, "que nin sequera se molestaron en responder unha por unha" e que levan a firma de Joaquín Lede, "un cargo de libre designación ao que lle encargaron o control político do Museo".
Segundo o portavoz nacionalista, este desprezo "mete medo" e denunciou que tamén o sufriron, o alcalde de Pontevedra, Miguel Fernández Lores, e os expatronos do Museo, "que non foron recibidos por Louzán, malia levar esperando desde xuño". Tampouco se convocou, dixo Mosquera, ningunha reunión do patronato para analizar "este proxecto de desmantelamento".
Con respecto ás razóns esgrimidas pola Deputación para a supresión do organismo autónomo Museo de Pontevedra, César Mosquera asegurou que é "unha falsedade absoluta" que se deba a razóns económicas. Afirmou que se trata dunha decisión política que o ente provincial tomou hai xa tempo e que se atrasou "ante as resistencias da estrutura profesional do Museo".
"Hai xente que pensa no Museo para que se fagan nel unha exposición de mantillas españolas e haberá que analizar se é o lugar indicado para iso", explicou o portavoz nacionalista, que bromeou asegurando que, cando a Deputación controle o Museo "igual organizan unha exposición de capotes de touros ou dos nenos da selección española de fútbol".
Mosquera recordou que o Concello de Pontevedra realiza unha importante achega económica anual ao Museo e que parte dos seus fondos son propiedade municipal. Por iso é polo que asegura que esta situación "que nos desborda a todos", obrigará a estudar os pasos a dar desde o goberno local. "Igual que se aproba, pódese dar volta atrás se hai presión", dixo. Pero insistiu, "isto non ten ningún sentido".
Relacionadas:
-
O BNG devolve a Carlos Valle a máxima dirección do Museo
Por Oskar Viéitez |
-
Suprimen o padroado que xestionaba o Museo
Por Oskar Viéitez |
-
Lores e Louro únense contra a Deputación polo Museo: "ÿ un atentado contra a nosa cultura"
Por Alejandro Espiño |
-
A Deputación defende a súa xestión do Museo: "Só buscamos protexelo e investir nel"
Por Alejandro Espiño |