Agárdase que esta semana remate a mellora dos accesos á praia de Area de Bon
Por Redacción
Cun orzamento de 47.132 euros, está a desenvolverse a mellora do viario de baixada á praia de Area de Bon con traballos para pavimentar o trazado. Esta iniciativa finánciase con fondos do Plan Concellos da Deputación Provincial.
O alcalde de Bueu, Félix Juncal, visitaba este luns a zona e sinala que esta reforma mellorará un espazo moi transitado, sobre todo durante os meses de verán. Tamén está previsto que nos próximos días asfáltese o tramo situado en Bon de Abaixo, xunto ao lavadoiro de Tomadelo. O obxectivo é que os traballos estean finalizados nesta semana.
O rexedor tamén visitaba a Casa da Aldea de Meiro. Alí iniciáronse as obras de instalación dun parque infantil. A demora sobre o calendario previsto inicialmente débese ás últimas choivas, segundo apuntan desde o goberno local. Con esta obra finalizará a reforma de parques no municipio.
O proxecto de mellora dos parques realizouse cun prezo total de licitación de máis de 235.000 euros, IVE incluído, dividido en tres lotes, correspondentes a parques infantís, zonas biosaudables e skate park.