Música e teatro contra a violencia de xénero en Ponte Caldelas
Por Redacción
As actuacións das tres asociacións de mulleres rurais de Ponte Caldelas e da cantante e actriz galega María Costas levaron este ano o peso do acto central da conmemoración do 25 de novembro, día internacional da eliminación da violencia contra a muller, en Ponte Caldelas.
Os actos institucionais prolongáronse durante toda a semana, pero o central realizouse este domingo e tivo ás mulleres como protagonistas. Así, organizáronse un encontro das asociacións de mulleres rurais do Verdugo, de Xustáns e Aires del Norte y Olé, que interpretaron a canción 'La Puerta Violeta', de Rozalén; e tamén houbo un encontro de palilleiras coas fillas e netas e unha breve representación teatral.
O acto contou coa asistencia dun público numeroso que tamén puido presenciar a actuación de María Costas, acompañada de Alfonso Churruca á guitarra e Pedro Campos á percusión. Na actuación non faltaron temas alusivos á loita das mulleres por unha sociedade máis xusta e igualitaria.
O alcalde, Andrés Diaz, leu a declaración institucional do Concello con motivo do 25-N, que aposta polo desenvolvemento pleno do Pacto de Estado contra a violencia de xénero e destaca a necesidade de educar en igualdade e de desenvolver campañas institucionais a nivel municipal, como sucedeu este ano coa iniciativa #EuTomoParte.
Os actos institucionais concluíron coa realización do mural da igualdade, presidindo a exposición de debuxos que estará na sala de exposicións ata o próximo día 28.