En Marea e Podemos renden contas en Pontevedra
Por Oskar Viéitez
O círculo local de Podemos e o grupo de En Marea no Congreso foron noticia este martes na cidade de Pontevedra.
Por unha banda, o voceiro de Podemos Pontevedra foi elixido novo secretario municipal da formación. José Ramón Otero Quinteiro, única candidatura presentada, obtivo 80 votos favorables dos 89 emitidos.
José Ramón Otero, o novo secretario municipal de Podemos Pontevedra, ten entre as súas novas tarefas máis inmediatas compoñer a candidatura para as vindeiras eleccións municipais.
Podemos Pontevedra, segundo decisión dos seus afiliados, acudirá en coalición con todos os partidos que se queran sumar a unha candidatura conxunta, "para o que falaremos con EU, Anova, Equo e Marea Pontevedra", tal e como anunciou xa publicamente hai uns días o propio Otero.
Por outra parte, os deputados de En Marea explicaron nun acto público toda a súa actividade e as iniciativas presentadas en cada comisión e no propio pleno.
No acto de En Marea celebrado no Centro Leste participaron o voceiro no Congreso, Antón Gómez-Reino, a deputada Ángela Rodríguez, a senadora Vanessa Angustia e a deputada Yolanda Díaz.