Mañá de atascos en Beiramar por mor das obras na ponte dos Tirantes
Por Redacción
As obras iniciadas o pasado luns 26 de novembro para acometer reparacións na ponte dos Tirantes provocaron na mañá deste mércores importantes atascos e retencións en toda a zona da cidade próxima ao río Lérez.
Os condutores que colleron os seus vehículos a primeira hora da mañá e tiveron que circular por Beiramar atopáronse con colapsos en todas as pontes que cruzan o Lérez agás a do Burgo e tardaron ata 20 minutos en realizar traxectos que en condicións normais levan apenas cinco.
As obras están destinadas a repoñer a xunta de dilatación da ponte dos Tirantes, que é preciso substituír e está previsto que duren tres días, de modo que previsiblemente rematarán este mesmo mércores.
Para poder acometer estes traballos foi necesario o peche da ponte no sentido de circulación de entrada á cidade. Garántese a circulación de saída da cidade, quedando restrinxido o tráfico por Alexandre Bóveda ao servizo de colexios, transporte escolar e estacionamento do recinto feiral.