Adxudicada a reforma da Ponte do Burgo por 2 millóns de euros

Por Oskar Viéitez
A tenente de alcalde do Concello de Pontevedra, Carme da Silva, anunciou este mércores adxudicación definitiva da reforma da Ponte do Burgo a través da celebración dunha Xunta de Goberno extraordinaria. "O proxecto permitirá recuperar o nacemento da cidade e dignificalo tal e como merece", dixo Da Silva.
Na reforma da ponte do Burgo foi adxudicada á UTE Imesapi - E.C. Casas a obra civil por valor de 1.326.977 euros; e a Setga a iluminación por valor de 730.840 euros; en total, 2.057.817 euros.
A licitación global era de 2.561.390,91 euros: a obra civil por valor de 1.700.598,75 euros (o prazo de execución da obra civil é de 12 meses); e a iluminación por valor de 860.792,16 euros. O prazo de instalación da nova iluminación será de tres meses, pero esta parte non se poderá iniciar até que a obra civil estea avanzada.
A obra civil divídese en tres ámbitos de actuación: o primeiro, o taboleiro da ponte será unha plataforma única de lousas de pedra para continuar a vía peonil de 11 metros de ancho (de lado a lado da ponte) cunha iluminación rasante seguindo o Camiño de Santiago, e outra na nova varanda lateral que tamén será rasante.
Por outra banda, actuarase no entronque coa praza Valentín Garcia Escudero (cabeceira sur). Mudarase o paso de peóns co fin de darlle continuidade ao trazado peonil que vén da ponte, seguindo a traza histórica do camiño.
Tamén será reformada a cabeceira norte. Este espazo vivirá unha total transformación, eliminarase a rotonda de tráfico rodado, para continuar o carril nos dous sentidos de circulación unindo Xoán Manuel Pintos con Domingo Fontán. Crearase unha gran praza de máis de 4.000 metros cadrados con máis de 40 árbores, mobiliario, bancos, papeleiras. Continuará a plataforma única da ponte do Burgo pero con lousas de granito.
ILUMINACIÓN DA PONTE DO BURGO
O proxecto da iluminación desenvolverase en tres fases: unha superficial rasante, con puntos azuis que marcarán o Camiño de Santiago; outra rasante embutida na varanda dirixida cara o taboleiro para que os peóns podan ver por onde pasan; e un terceira que dará luz aos arcos polo exterior e interior.
Relacionadas:
-
A ponte do Burgo xa está pechada ao tráfico
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
O paso pola ponte do Burgo, a partir do 7 de marzo, estará prohibido aos coches
Por Alejandro Espiño |
-
A ponte do Burgo, pechada ao tráfico despois do Nadal para a súa peonalización
Por Alejandro Espiño |
-
Desbloqueadas as obras do Gorgullón, Multiusos, Ponte do Burgo e o Mercado de Abastos
Por Diego Espiño |
-
Dez empresas, interesadas en peonalizar e iluminar a ponte do Burgo
Por Alejandro Espiño |