O Concello ten en marcha máis de 5 millóns de euros en obras dos fondos FEDER
Por Oskar Viéitez
O Concello de Pontevedra ten en marcha actuacións no ámbito urbano de máis de 5 millóns de euros da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible Integrado "+ Modelo Pontevedra", financiada polo Programa Operativo Plurirrexional de España, adscrito aos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER) 2014-2020 da Unión Europea.
O investimento global na Boa Vila superará os 10 millóns de euros procedentes dos fondos que reparte Europa.
A concelleira responsable da xestión destes fondos, Carme da Silva, anunciou este mércores a adxudicación definitiva da reforma da ponte do Burgo a través da celebración dunha Xunta de Goberno extraordinaria.
Tamén destacou a importancia da obra de reforma do pavillón nultiusos da Xunqueira xa que supuxo un traballo inxente por parte do servizo de Deportes e dos clubes ao ter que recolocar a todas as escolas deportivas que se desenvolvían nesta instalación municipal.
A UTE Prace-Constructora San Emeterio é a adxudicataria desta reforma por 1.947.164 euros. A concelleira dixo que a obra é "moi complexa" e tamén "avanza a moi bo ritmo".
En canto ao proxecto do Gorgullón sinalou que a obra está sendo executada a "moi bo ritmo" pola empresa E.C.Casas dende primeiros de outubro cun orzamento de 1.258.629,17 euros e un prazo de execución de 8 meses.
Carme da Silva tamén se referíu á reforma do primeiro andar do mercado de abastos que está sendo executada pola empresa pontevedresa Acevi por 218.682,22 euros. O prazo de execución será de dous meses polo que se agarda que estea dispoñible despois do Nadal.
Con fondos europeos o Concello tamén financiou a xincana pola Illa das Esculturas, feita e aprobada en decembro de 2017. Esta actuación tivo un custe de 17.472,40 euros. E igualmente pagáronse con fondos europeos a compra de tres novos servidores e dous conmutadores de fibra da administración electrónica municipal, adxudicada a Econocom Servizos S.A. por 47.483,29 euros.
Na Xunta de Goberno extraordinaria deste mércores contratouse unha asistencia técnica á empresa EOSA para a xestión e promoción dos fondos FEDER. Foi adxudicada por 39.500 euros ao ano e por un período de 2 anos.
Carme da Silva engadiu que o Concello de Pontevedra todavía ten en carteira a reforma de Santa Clara: Redeira, o parque forestal da Tomba e o chamado núcleo de centralidade parroquial de Tomeza.
Relacionadas:
-
O novo multiusos da Xunqueira "con animaliños" estará listo a mediados de xaneiro
Por Oskar Viéitez |
-
As obras avanzan a bo ritmo e os adestramentos poderán volver ao pavillón da Xunqueira en decembro
Por Redacción |
-
EC Casas, elexida para reformar O Gorgullón
Por Redacción |
-
Desbloqueadas as obras do Gorgullón, Multiusos, Ponte do Burgo e o Mercado de Abastos
Por Diego Espiño |