Ponte Caldelas expón a documentación do futuro balneario
Por Redacción
O Concello de Ponte Caldelas celebra este xoves un pleno ordinario no que o gran proxecto municipal, a construción da futura estación termal, dará un novo avance. O plenario aprobará a exposición ao público do anteproxecto arquitectónico e do estudo de viabilidade económico-financieira.
O goberno local garantirá cos seus votos que esta documentación se expoña durante un prazo de 30 días. Unha vez superado este trámite pediranse os informes necesarios aos distintos órganos competentes sectoriais da Xunta de Galicia, como Augas de Galicia, Patrimonio e Medio Ambiente.
Con todo, non se agardan contratempos de importancia toda vez que a finca, adquirida polo Concello á Sociedade de Reestruturación dos Activos Bancarios (SAREB) é solo urbanizable e xa foi obxecto dun proxecto anterior, moito máis aparatoso, pero que quedou inconcluso en plena burbulla inmobiliaria.
O Concello está comprometido a ir avanzando nun expediente complexo, consciente de que xa está dado o paso máis difícil, que era a adquisición (por 230.000 euros máis IVE) e a conseguinte incorporación ao patrimonio municipal dos 7.700 metros cadrados do solar .
Púxose así fin ao caos tralo fracaso do macroproxecto promovido polo anterior equipo de goberno, que rematou cunha estrutura inacabada, ademais de ter cometido o "grave erro" de derrubar o histórico edificio do balneario caldelán.
O anteproxecto que figura no expediente, que é o deseño de mínimos que se esixirá ás empresas licitadoras, está valorado en 1,9 millóns de euros e contempla unha edificación respectuosa e integrada na paisaxe fluvial do río Verdugo.
Pola súa banda, o estudo de viabilidade estima que, sobre a base da contratación de 5 persoas, e uns prezos públicos de 6 euros, a instalación sería rendible dende o primeiro ano, cando acadaría xa uns 25.000 visitantes, superando os 50.000 a partir do quinto ano.