Ponte Caldelas renuncia a cubrir as pistas de Chan da Barcia
Por Redacción
O Concello de Ponte Caldelas rescindirá o contrato coa empresa EC Casas e renunciará a unha subvención da Consellería de Medio Ambiente para cubrir a pista de pádel e a cancha multideporte-patinaxe de Chan da Barcia. A complexidade da obra, que obrigaba á fabricación dunha estrutura metálica e a rematar a execución antes do 30 de novembro próximo, forzou á toma desta decisión.
As obras, unha vella aspiración do goberno local, consisten nunha cuberta de estrutura metálica que é imposible fabricar e instalar nesta escasa marxe de tempo. Segundo informou o Concello de Ponte Caldelas a decisión tomouse despois dunha consulta técnica coa consellería, na que se constatou a denegación de calquera prórroga. Non obstante, o Concello solicitou a prórroga por escrito, aínda que non agarda novidades.
O Concello de Ponte Caldelas subliña a dificultade de executar obras dunha mínima entidade ao abeiro desta convocatoria, dado que a concesión da subvención notificouse ao Concello o 18 de xuño pasado e, dado o seu importe, que ascendía a 44.000 euros, foi necesario licitala en concurso público e non foi posible deixala adxudicada ata o 22 de outubro pasado.
O contrato, mesmo antes do remate do prazo legal de replanteo, foi asinado coa adxudicataria o 12 de novembro, é dicir, só cunha marxe de 19 días para completar as actuacións.
O Concello caldelán lamenta as rixideces do procedemento neste tipo de subvencións, "que impiden prórrogas por causas tan xustificadas como o cumprimento áxil dos trámites obrigados pola Lei de Contratos. Máis aínda cando se trata dunhas subvencións para financiar actuacións a executar entre o 1 de xaneiro e o 30 de novembro e a resolución que resolve a concesión das subvencións se notifica a mediados de xuño".