A CIG entrega sinaturas para que se manteña o dereito á xubilación parcial aos 61 anos
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
Marcos Conde, secretario comarcal da CIG en Pontevedra, entregaba este xoves 3.500 firmas no rexistro da Subdelegación do Goberno para solicitar ao Goberno de Pedro Sánchez a derrogación da reforma das pensións.
O acto realizouse antes do Consello de Ministros deste venres co obxectivo de que o Goberno central reaccione e evite que se perda definitivamente o dereito á xubilación parcial aos 61 anos.
A reforma que se aprobou no ano 2011 eliminaba o dereito á xubilación parcial, fixando un período de transición que termina este 31 de decembro. Desde a CIG alertan que se non se dá marcha atrás, as clases medias e traballadoras seguirán perdendo dereitos. Unha situación que se agrava coa introdución do factor de sustentabilidade, o atraso da xubilación aos 67 anos ou o incremento do número de anos para o cobro da pensión completa.
"Non podemos permitir que deixen a clase traballadora atrás", afirmaba Marcos Conde ante a Subdelegación do Goberno. Sinala que decenas de miles de familias pontevedresas que conten cun integrante que cumpra 61 anos en 2019 veranse afectadas con esta medida.
A CIG xa presentou esta reivindicación ante o Ministerio de Traballo no mes de setembro e ao secretario de Estado da Seguridade Social. Anuncian que, se o goberno central non dá marcha atrás, iniciarán unha campaña para que non se perdan os dereitos de xubilados e traballadores.
Relacionadas:
-
A CIG reclama na rúa pensións públicas, dignas e garantidas
Por Redacción |
-
Os xubilados manteñen a loita na rúa reclamando pensións públicas que permitan unha vida digna
Por Mónica Patxot & Redacción |
-
A CIG presiona na rúa o goberno socialista para que derrogue a reforma laboral e mellore as pensións
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |