Ábrese o proceso para a poxa dos postos vacantes na Praza de Abastos
Por Alejandro Espiño
O Concello de Pontevedra iniciou este luns o proceso de adxudicación, pola vía de poxa, dos postos vacantes na Praza de Abastos de Pontevedra. Así o anunciou o concelleiro Agustín Fernández, que actuou esta vez como portavoz do goberno municipal. Recordou que se trata dun proceso "reivindicado polos usuarios" e que espera completarse nos próximos meses.
Con esta iniciativa, dixo o concelleiro socialista, "pronto se cubrirán os postos que están vacíos" e darase solución "aos requerimentos que se fan continuamente para que o mercado teña o maior índice posible de actividade e actúe como dinamizador de todo o Centro Histórico".
Culmínase así un proceso iniciado pola concelleira, Carlota Román, de cara á regularización da totalidade dos postos e bancadas. Trátase da primeira vez, dende a estrea do actual edificio, no ano 2003, en que se realiza unha convocatoria destas características.
O prazo de presentación de ofertas será de 30 días hábiles a partir da publicación do anuncio nos boletíns oficiais. Durante ese mesmo prazo poderán presentarse alegacións aos pregos de condicións da poxa. No caso de que haxa alegacións, o prazo quedará interrompido ata a súa resolución. Só se se chegaran a estimar abriríase un novo prazo. Os pregos relacionan a totalidade das vacantes a licitación, coa única excepción das poucas que están en trámite de rescate por incumprimento das condicións por parte dos seus actuais concesionarios.
- No andar alto da Praza saen a poxa 27 casetas e 41 bancadas de froita.
- No andar baixo: 7 casetas en lotes, unha bancada de flores, 16 bancadas de peixe fresco en lotes, 13 bancadas de peixe fresco soltas e tres lotes de bancadas de peixe conxelado.
- As concesión de todos os postos e bancadas será por un período de 25 anos.
Ao tratarse dun procedemento de adxudicación por poxa outorgaranse ao mellor postor. O canon anual por ocupación será o recollido nas ordenanzas fiscais municipais.
OUTROS ACORDOS DA XUNTA DE GOBERNO
O goberno municipal expresou, doutra banda, o seu apoio "explícito" á marcha convocada pola Asociación Para a Defensa da Ría (APRD) contra ENCE para o vindeiro sábado. Agustín Fernández espera que apoien esta manifestación cidadá "toda a xente que igual que nós estamos a favor da recuperación das marismas de Lourizán antes ata do 2018".
Neste sentido, criticou a aprobación da recente Lei de Costas "que permite prorrogar a concesión 75 anos máis" e denunciou a "ambigüedade" do Partido Popular neste asunto, rompendo o consenso que existía sobre o traslado da pasteira "abrindo a porta a solucións indeseadas".
Ademais, a Xunta de Goberno aprobou actuacións por valor duns 2 millóns de euros. Entre elas, o expediente de contratación da iluminación das festas de Peregrínaa, Nadal e carnavales, no que se investirán 82.000 euros; o proxecto de rehabilitación de dúas estradas no rural, cun custo de case 500.000 euros; ou a licitación de obras na Avenida de Vigo, que supoñerán 1,2 millóns en dous anos.