ENCE culmina a compra da planta solar de Puertollano a Iberdrola
Este venres consumouse a compra por parte de ENCE Enerxía Solar da totalidade das accións de Ibersol, sociedade titular da planta Termosolar de Puertollano, e ata a data propiedade de Iberdrola. Estas accións representan do 90% do capital da planta. A transacción inclúe a cesión a favor de ENCE Enerxía Solar da titularidade do préstamo concedido por Iberdrola Financiamento a Ibersol.
O importe da transacción ascende a 139,8 millóns de euros, sen considerar a cantidade de 41,5 millóns de euros que mantén a sociedade na súa caixa. Adicionalmente, o acordo define un mecanismo de prezo continxente (earn-out) por importe de ata 6,3 millóns de euros.
O novo Plan Estratéxico 2019-23 de ENCE -líder en España en xeración de enerxía renovable con biomasa- aposta pola diversificación cara novas tecnoloxías de renovables, entre elas a termosolar.
En España hai moitas plantas termosolares non xestionables, que só xeran enerxía durante as horas con Sol. Cun pequeno investimento pódese incrementar significativamente as horas de funcionamento destas termosolares mediante a súa hibridación con plantas de xeración con biomasa, grazas á capacidade da biomasa de producir enerxía de maneira programable, firme e estable, e en momentos de alta demanda.
Ademais, a hibridación supoñería un aproveitamento máis eficiente dos nosos recursos enerxéticos, así como unha importante vantaxe para a xestión do Sistema Eléctrico Nacional.
ENCE está a construír no antigo emprazamento de Elcogás na localidade manchega unha planta de xeración con biomasa de 46 MW, que linda coa termosolar de Puertollano.
Este proxecto constitúe un exemplo de transición dun modelo de xeración con combustibles fósiles a enerxía renovable, mantendo emprego industrial de calidade e fomentando o emprego rural, grazas ao aproveitamento da biomasa agroforestal como combustible da área próxima á localidade manchega.