O PP de Cerdedo-Cotobade acusa o PSOE de presentar mocións repetidas e fóra de prazo
Por Redacción
O PP de Cerdedo-Cotobade mostrou o seu malestar polo funcionamento do grupo municipal do PSOE nos últimos meses. Entende que presentaron numerosas mocións con contidos repetidos e nalgúns casos fóra do espazo temporal establecido pola lei para o seu debate nas sesións plenarias.
En todo caso, Jorge Cubela, presidente de Cerdedo-Cotobade e portavoz do grupo municipal do PP, ironiza cos socialistas e sinala que acepta o debate das propostas que propoñen para que "a oposición non desapareza aínda máis do que está no concello". Cubela alégrase da incorporación á vida municipal e que presentaran todo en tempo e forma.
O Partido Popular afirma que no último pleno se aprobou unha ordenanza de uso da lingua galega presentada polo goberno local e lamenta que os socialistas os acusen falsamente de rematar coa lingua.
Cubela tamén ironiza pola presenza do coportavoz dos socialistas, Xoel Vázquez, tras un ano e medio sen acudir ás sesións plenarias sen ofrecer xustificación. O presidente do municipio alégrase de que apareza xusto cando quedan seis meses para as eleccións municipais. O portavoz popular recoméndalle que "traballe todos os días polo pobo, que é o que queren os veciños e non faga tanta propaganda".