O sexo en Marín, sempre "CON-SENTIDO"
Por Redacción
A concellería de Benestar Social e o Centro de Información da Muller (CIM) de Marín organizaron unha campaña con motivo do Día Internacional da loita contra a SIDA, que se celebrará este sábado 1 de decembro.
O obxectivo da mesma é sensibilizar á poboación nova sobre a importancia do uso do preservativo, polo que se apostou polo slogan "O sexo sempre CON-SENTIDO".
Trátase desta maneira de incidir sobre a importancia de levar a cabo prácticas sexuais de forma voluntaria e coa necesidade de evitar condutas de risco a través do uso habitual do preservativo, por ser o método de protección máis eficaz.
Segundo datos da Academia de Dermatoloxía e Venereoloxía (AEDV) do ano 2016, un de cada catro adolescentes padecerá unha enfermidade de transmisión sexual antes de terminar o bacharelato.
A campaña complétase ofrecendo preservativos aos mozos, de forma gratuíta e anónima, en diferentes instalacións municipais como o Museo Manuel Torres, a Biblioteca Vidal Pazos, o Concello, o Centro Municipal de Servizos Sociais e o CIM.
O material preventivo, sinala o Concello, foi doado pola Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia.