A Xunta anuncia o inmediato inicio das obras do saneamento en Tenorio
Por Redacción
A Xunta formalizou a contratación das obras de mellora do saneamento da parroquia de Tenorio, no Concello de Cerdedo-Cotobade, cun investimento de 1,8 millóns. Así, a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, vén de comunicarlle ao alcalde o inmediato inicio desta actuación.
Trátase da execución dunha rede de colectores de saneamento para augas fecais e a instalación dunha estación depuradora de augas residuais en Tenorio, para solucionar o problema de dispersión das actuais infraestruturas de saneamento neste municipio.
O contrato asinado pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade inclúe a redacción de proxecto, execución de obra e posta en marcha, sendo adxudicados os traballos á UTE Uncisa Construcciones e Infraestructuras SAU-Hordescon S.L.
As actuacións para a mellora do saneamento da parroquia de Tenorio dispoñen dun prazo total de 25 meses, tres para a redacción do proxecto construtivo, dez para a execución das obras e os outros doce meses restantes para a súa posta en marcha.
Na reunión mantida en Santiago entre a titular do departamento de Infraestruturas da Xunta e o rexedor municipal se avaliou esta intervención impulsada a través de Augas de Galicia, no marco do convenio de colaboración existente entre a administración autonómica e a local.
Esta actuación está incluída no programa operativo FEADER. Finánciase nun 75% con cargo ao mesmo e está cofinanciada con fondos propios de Augas de Galicia.
Relacionadas:
-
Cerdedo-Cotobade executa a mellora integral da rede viaria de Chamadoira
Por Redacción |
-
Cerdedo-Cotobade ultima un orzamento de cinco millóns de euros para 2019
Por Redacción |
-
Denuncian unha vertedura no Lérez procedente da depuradora de Viascón
Por Redacción |
-
A Xunta licita o saneamento de Tenorio por 1,8 millóns
Por Redacción |