O Pazo da Cultura acolle por segundo ano unha xornada sobre a diversidade sensorial
Por Diego Espiño
A Organización de Discapacidade Sensorial de Galicia (Xoga) prepara a que será a súa segunda xornada de diversidade sensorial e que se celebrará en Pontevedra o próximo 15 de decembro.
No Pazo da Cultura reuniranse profesionais do ámbito educativo, sanitario e asistencial, ademais de persoas con diversidade sensorial para dar a coñecer as súas experiencias e necesidades.
"Con estas xornadas queremos demostrar que a diversidade sensorial non é limitante", sinalou a presidenta de Xoga, María Jesús Monterde, para quen este tipo de discapacidades supoñen "as grandes descoñecidas" e son "invisibles" para boa parte da sociedade.
Iso é o que trata de corrixir a xornada, enmarcada dentro dos actos do Día Internacional da Discapacidade.
Ademais Xoga pretende facer fincapé na falta de regulamentación sobre os medios de apoio á comunicación oral das persoas xordas, xordocegas ou con discapacidade auditiva, xa que tras máis de 10 anos da aprobación da lei segue sen aplicarse, ademais de denunciar a invisibilidade da lingua de signos galega.
Xunto á presidente deste colectivo, presentaron a xornada a concelleira de Benestar Social, Anxos Riveiro, a deputada provincial Digna Rivas e o vicepresidente de Xoga, Héctor Heizen.
Relacionadas:
-
COVID-19: Unha enfermidade e outra barreira para persoas con diversidade sensorial
Por Marisa Ciordia |
-
Máis de 120 persoas reflexionan no Pazo sobre as necesidades das persoas xordas, xordocegas e con perda auditiva
Por Redacción |
-
Aberto o prazo para apuntarse a dous cursos para persoas con perda auditiva, xordeira e xordocegueira
Por Redacción |
-
VIDEO.- "Xoga coas manciñas" leva a ledicia ao salón de plenos da Deputación
Por Mónica Patxot & Oskar Viéitez |