Sanidade adquire unha unidade móbil para as doazóns de sangue na comarca de Pontevedra
Por Redacción
Sanidade porá en servizo de xeito inmediato unha unidade móbil da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue que percorrerá a comarca de Pontevedra para facilitar que os veciños da zona poidan doar sangue dun xeito máis cómodo.
O conselleiro Jesús Vázquez Almuíña presentou este martes esta nova incorporación ao parque móbil da axencia. Esta unidade, xunto á que se adquiriu para Santiago, supuxo un investimento de 561.440 euros.
Os novos vehículos dispoñen de subministro eléctrico autónomo e sistema de climatización, así como a máis moderna tecnoloxía que garanta a máxima seguridade e confort para que os cidadáns poidan realizar a súa doazón de sangue.
Neste sentido, o titular de Sanidade destacou que se reforzaron todos os equipamentos de seguridade, tanto activa como pasiva, que se poden ofrecer na actualidade, así como importantes melloras relativas á climatización e insonorización do interior da unidade móbil, co obxectivo de garantir a máxima comodidade.
Así mesmo, as unidades móbiles da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue, cunhas dimensións de 12,2 metros de lonxitude e 3,4 metros de altura, estarán divididas en tres espazos: unha área de recoñecemento médico, unha sala de doazón con capacidade para catro padiolas e unha área de refrixerio.
As dúas unidades móbiles teñen sido rotuladas exteriormente dun xeito totalmente innovador polo que, por si mesmas, convidan aos cidadáns a participar activamente nas campañas de doazón de sangue e, tal e como sinala o lema da campaña de ADOS, Súmate ao noso equipo.
Na actualidade, segundo os datos de Sanidade, case o 86% das preto de 109.000 doazóns de sangue que se recollen anualmente en Galicia rexístranse neste tipo de vehículos.
Relacionadas:
-
ADOS emitirá xustificantes ás persoas que acudan a doar sangue para evitar que sexan sancionados
Por Diego Espiño |
-
Sanidade alerta do déficit en Pontevedra de sangue A+ e 0-
Por Alejandro Espiño |
-
Unha marea solidaria de 700 persoas camiña entre Vigo e Pontevedra contra a leucemia
Por Redacción & Diego Torrado |
-
1.500 persoas súmanse á marcha nocturna e solidaria da Pontevedrada 2018
Por Mónica Patxot & Redacción |
-
O Pontevedra "dá o tipo" sumándose a unha campaña para fomentar a doazón de sangue
Por Diego Espiño |