O acceso a Area de Bon xa conta cunha senda peonil e sen aparcadoiro de vehículos preto da praia
Por Redacción
O viario de acceso á praia de Area de Bon conta xa cunha senda peonil ampliada, a petición da veciñanza, e na que se eliminou o estacionamento de vehículos no último tramo de chegada a esta praia de Beluso.
Unha vez que xa se realizaron os traballos de pavimentado está previsto sinalizar e pintar a senda, que permitirá o acceso de visitantes a un dos areais co distintivo de bandeira azul.
Félix Juncal, alcalde do municipio, aproveitaba para realizar unha visita por este espazo do mesmo xeito que polo tramo asfaltado en Bon de Abaixo, xunto ao lavadoiro de Tomadelo. Estas obras contan cun orzamento de máis de 47.132 euros, con cargo aos remanentes do Plan Concellos 2016.
Ademais, o rexedor tamén acudiu ao parque infantil instalado na contorna da Casa da Aldea de Meiro. Con este traballo, o goberno local dá por finalizado o proxecto de renovación e creación de parques. O proxecto dos parques contaba cun prezo total de licitación de 237.846 euros.