Unhas 50.000 persoas xa se vacinaron contra a gripe nesta área sanitaria
Por Oskar Viéitez
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, acudiu este venres ao centro de saúde Virxe Peregrina para vacinarse da gripe. Un acto privado que quixo divulgar para "animar" á poboación a que se protexa contra esta enfermidade infecciosa e evitar así moitas hospitalizacións e mortes relacionadas coa gripe.
Lores forma parte dos chamados "grupos de risco" ao padecer diabetes e "algo de bronquite crónica" pero ademais "outra parte importante é que cando tes a gripe faltas tres ou catro días ao traballo" e un alcalde "ten que estar ao pé do canón todos os días".
A vacinación antigripal está recomendada naqueles grupos con maior risco de complicacións: especialmente indicada en maiores de 64 anos, persoas de calquera idade con enfermidades crónicas como cardiovasculares, neurolóxicas ou respiratorias, ou persoas con obesidade, nenos a partir dos seis meses, embarazadas en calquera trimestre do embarazo, e este ano, como novidade, recoméndase tamén a persoas celiacas ou con enfermidade inflamatoria intestinal.
Ademais, aconséllase a vacinación a policías, persoal sanitario, coidadores de anciáns ou enfermos, profesores ou condutores de transporte público.
O xerente da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, José Ramón Gómez, que acompañou ao alcalde da capital mentres se vacinaba, informou que a día de hoxe unhas 50.000 persoas vacináronse nesta demarcación que abarca uns 290.000 habitantes.
Preto do 53% dos maiores de 64 anos xa se vacinaron "e aínda quedan estas tres semanas últimas" de campaña. "Dobramos o número de embarazadas vacinadas neste momento respecto ao ano pasado", apuntou o xerente. En canto aos profesionais sanitarios "a sensibillización cada vez é maior" e os resultados están a ser "francamente bos".
"É unha pequena molestia pero un gran beneficio para as persoas", resumiu o xerente.
Relacionadas:
-
Este luns 14 comeza a campaña de vacinación contra a gripe, que este outono chegará antes
Por Anxo Lourido |
-
O sindicato de Enfermería Satse Galicia reclama máis profesionais e medios para atender os casos de gripe en Urxencias
Por Redacción |
-
Aumentan os casos de gripe en Urxencias, pero só hai cinco pacientes hospitalizados en Montecelo
Por Redacción |
-
Alerta para os pacientes de gripe: Urxencias hospitalarias debe ser o último recurso
Por Anxo Lourido |
-
Sanidade anima os cidadáns a contaxiar a súa enerxía "e non a gripe"
Por Redacción |
-
Os profesionais sanitarios inician a campaña de vacinación antigripal deste ano
Por Redacción |