Licitacións a ritmo frenético en Sanxenxo antes de final de ano
Por Redacción
Nos dous últimos meses, e no que queda de ano, o Concello de Sanxenxo está inmerso nun ritmo frenético para poder licitar proxectos que supoñen un investimento de 8.907.747 euros.
O pasado 1 de outubro adxudicouse a mellora do parque de Panadeira por 457.836 euros. O 5 de outubro, a renovación das pistas polideportivas do parque de Espiñeiro en Portonovo por 189.519 euros, e o 15 de novembro adxudicouse a humanización da rúa Progreso por valor de de 2.576.089 euros.
Ademais o 23 de novembro sacouse a licitación o centro sociocultural do Revel Vilalonga (1.555.577 euros), pendente agora da valoración de ofertas antes de proceder á súa adxudicación. O 30 de novembro sacáronse a licitación as marquesiñas escolares (52.000 euros) e o 5 de decembro o club de piragüismo de Baltar (280.000 euros).
Antes de que finalice o ano estas cifras veranse previsiblemente engrosadas coa licitación do Pazo Quintáns por un importe 1.917.093 euros. Outro proxecto que se poñerá en marcha antes de acabar o ano é a urbanización dos terreos municipais do Revel de 73.100 metros cadrados e que implica un investimento de 1.873.633 euros.
Unha batería de tramitacións que provocaron que os departamentos de contratación e intervención traballen estes días a pleno funcionamento.