Libera denuncia a situación de catro cans "encadeados e sobre cascallos" en Barro
Por Redacción
A Asociación Animalista Libera e a Fundación Franz Weber, dentro da súa campaña 'Sen cadeas' contra o encadeamento permanente de animais domésticos, denunciaron un novo caso en Barro.
En concreto estes colectivos animalistas aseguran ter detectado "polo menos catro cans" vivindo "encadeados e sobre cascallos" nunha leira do citado termo municipal.
Fala Libera de "un espazo con peche improvisado, con cascallos e materiais perigosos, tanto para persoas como animais".
Apoiándose nas imaxes recibidas piden tanto a Xunta de Galicia como o Concello de Barro que actúe e analice se é necesario mobilizar aos servizos de protección animal.
Ademais de cualificar o encadeamento continuado como unha "práctica cruel cos animais, responsable de xerar condutas agresivas" e de provocar "feridas no pescozo e patas", estas asociacións advirten tamén que a Lei de Benestar Animal prohíbe de forma explícita a limitación continuada de movementos e sanciónao con multas de ata 5.000 euros, ao que se pode sumar a inhabilitación para a tenencia de animais por un máximo de cinco anos.