Os sindicatos convocan o persoal do Concello para amosar o malestar co goberno local no vindeiro pleno
Por Anxo Lourido
As negociacións entre os sindicatos do persoal do Concello e o goberno local non están rotas pero os delegados afirman que todo segue igual un ano despois de que o concelleiro Vicente Legísima lles presentara o documento elaborado por unha empresa para a nova relación de postos de traballo.
Ante esta situación, a asemblea de traballadores pediu aos representantes sindicais, segundo manifestaba Héctor Santaló, delegado da Agrupación de funcionarios municipais de Pontevedra (Afumpo), que amosen a súa disconformidade coa forma en que o goberno local está a acometer esta negociación desde o inicio. Sinala que o proceso é pouco fluído e a administración local está a situarse nun papel de superioridade, sen atender as peticións e sen ofrecer unha nova proposta económica.
Os delegados sindicais afirman que a proposta do Concello contempla unha estrutura administrativa idéntica á actual con identificación masiva de funcións, en moitos casos reiterativas, sen atender á categoría profesional e coa inclusión de cláusulas xenéricas nas que o persoal debe asumir todas as funcións dos órganos inferiores negando as promocións internas e a carreira profesional. É unha estrutura "obsoleta", aseguran.
Santaló, como voceiro de todos os sindicatos, indica que na negociación do orzamento municipal do vindeiro ano tamén quedaron sorprendidos porque se lles comunicó que a aplicación do estudo sería ao longo de tres ou catro exercicios en lugar de nunha soa anualidade, unha situación que consideran prexudicial para os seus intereses.
Antonio Millares, de Comisións Obreiras, tamén sinalaba que o plantel de máis de 500 traballadores municipais non entenden que se siga a dilatar esta negociación no tempo cando "hace seis meses que debería estar cerrado". Teme que o goberno de Fernández Lores queira levar o tema a plena campaña electoral, unha decisión que considera "una canallada".
PROTESTA NO VINDEIRO PLENO
Ante esta situación, os representantes sindicais convocaron a todo o persoal do Concello a acudir ao pleno previsto para o vindeiro venres 14. Ao mesmo tempo, este luns manterán un encontro cos representantes dos grupos municipais de Marea Pontevedra e Ciudadanos, mentres que o mércores van reunirse con integrantes do PP e do PSOE. Ademais solicitaron audiencia co alcalde e se atopan á espera de que os cite para un encontro no que queren trasladarlle a súa preocupación polo estado das negociacións.
A convocatoria do pleno será a primeira actividade de protesta convocada por todos os delegados sindicais, malia que UGT como sindicato non apoia estas actuacións. A partir desta iniciativa e, tras comprobar a resposta por parte do persoal, vai estudarse un calendario de protesta se as negociacións continúan sen avances.
Relacionadas:
-
O goberno municipal redactará "inmediatamente" o proxecto de reforma de Mollavao
Por Alejandro Espiño |
-
Lores asegura que "non hai ningunha xustificación laboral para non chegar a un acordo neste concello"
-
Os funcionarios municipais, "cansos" ante a "dilación" da negociación co Concello
-
Funcionarios municipais piden ao concelleiro de Persoal que abandone a crispación e retome a negociación
Por Natalia Puga & Paula Sanmartín |
-
O persoal do Concello de Pontevedra prepárase para a negociación da estrutura organizativa
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |