Rematan os traballos do Plan de Vías en Quireza e comeza co ensanchamento en Limeres
Por Redacción
O Concello de Cerdedo-Cotobade vén de rematar as obras do Plan de Vías 2018-2019 correspondentes á parroquia cerdedense de Quireza, onde se fixo unha actuación intensa que contemplou principalmente a renovación do firme nas pistas internas dos Castros e na arteria principal de acceso á zona residencial de Fondós.
Con motivo do remate destes traballos, o presidente municipal, Jorge Cubela, achegouse ata esta última aldea para comprobar o resultado da obra, consistente na implantación dunha nova capa asfáltica en quente.
Este lote de obras, que inclúe seis melloras cun orzamento global de 114.000 euros, vén de superar o seu ecuador. Agora, o proxecto desprazou a súa actividade ata Limeres, na parroquia de Cerdedo, onde se está comenzando a acometer un complexo ensanchamento, xa que debe afrontarse malia a forte pendente da zona e o emprazamento de vivendas e muros.
Esta actuación en Limeres, a cuarta desta partida de obras -das doce do Plan de Vías 2018-2019-, inclúe a construción de fortes muros de pedra e mampostería para garantir a seguridade. Así mesmo, tamén está previsto que se renove a capa de rodadura.
Finalmente, restarán por acometer a mellora dun camiño en Cachofés, na parroquia cerdedense de Folgoso, e a dotación de recollida de pluviais na parte superior de Tomonde.
O Plan de Vías 2018-2019 programado polo Concello de Cerdedo-Cotobade para os vindeiros seis meses suporá un investimento global de 1,4 millóns de euros que permitirá a realización de 38 obras a través de doce proxectos que beneficiarán a quince parroquias, dez de Cotobade e cinco de Cerdedo.