Pontevedra, escenario en marzo da Asamblea Nacional de Estudantes de Ciencias do Deporte
Por Redacción
Anecafyde, a Asemblea Nacional de Estudantes de Ciencias da Actividade Física e do Deporte é un colectivo que representa a todo o alumnado desta titulación de 39 universidades españolas e que celebrará o seu próximo encontro en Pontevedra entre o 27 e o 31 de marzo.
Así se decidía na asemblea celebrada na Universidade de Las Palmas de Gran Canaria, onde Lara Piñeiro, estudante desta facultade no campus universitario de Pontevedra, daba por finalizado o seu período á fronte da asemblea, onde ocupaba o cargo de presidenta.
Con esta actividade que se desenvolverá na cidade do Lérez preténdese ensinar ao alumnado da facultade pontevedresa o traballo que realizan os representantes das universidades para mellorar a calidade e potenciar as bases dunha regulación profesional.
Ao longo deste encontro celebraranse mesas de debate sobre temas relacionados coa situación actual do grao, desenvolveranse talleres para os máis de 50 delegados que a organización agarda que asistan á asemblea, ademais de comisións de traballo e a celebración da asemblea xeral ordinaria.
Este colectivo quere seguir pelexando por reclamar unha lei que regule as profesións relacionadas co exercicio físico para poñer fin ao intrusismo laboral.